Un país con recursos pode facer fronte aos imprevistos e ás crises cunha capacidade de acción que outros non teñen.
A xustiza fiscal non é outra cousa que facer que cada un contribúa ao que é de todos na medida das súas capacidades. A estas altura deberiamos ter claro que sen esa contribución non habería sanidade universal nin educación pública obrigatória ata os 16 anos, nin estradas. Intenta inocularse a idea de que se pagan moitos impostos en España e sería un erro non dar esta batalla, que é ideolóxica e ademais é crucial para definir que tipo de Estado queremos para os próximos cincuenta anos. Non nos fagamos trampas, xa todos sabemos que hai países cunha carga fiscal inferior á española, mais ningún deles está en Europa e ningún deles figura na liga dos países desenvolvidos. Ninguén vai tomar nota do que sucedeu en Gran Bretaña nestos días a conta da proposta “torie” sobre os impostos?
Quen centra a súa política fiscal en ofertar rebaixas impositivas indiscriminadas, o que está a ofrecer é un país máis pobre a medio e longo prazo. Salvo para quen ten recursos para pagarse servizos privados. A alternativa que ofrece a dereita española é sinxela: que as clases máis acomodadas paguen menos impostos nunha especie de política de saldos e rebaixas que ten pouco de responsabilidade e moito de mercadillo.
É a política coa que só se salvan os que teñen recursos para salvarse. Que uns poucos paguen menos, tendo moito, esquecendo que as sociedades máis avanzadas son aquelas nas que as persoas contribuen á facenda publica en función da súa riqueza.
A dereita española defende a mesma política que aplicaron na anterior crise financeira, de poñerse de perfil permitindo o deterioro dos servizos públicos recortando en sanidade e educación. Dende a socialdemocracia defendemos unha política na que teñen cabida os ERTE para salvar miles de empregos, que parece que ninguen se acorda pero foi un éxito facelo; defendemos as subas do salario mínimo e a dignificación salarial incrementando a protección dos traballadores, tamén as axudas puntuais para abaratar os combustibles, ou o custe cero no ferrocarril que se estenderá tamén durante 2023 na rede de proximidade para favorecer ás clases medias e traballadoras deste país e incentivar o uso do transporte colectivo, por citar unhas cuantas medidas ou decisións tomadas nos últimos anos. Todas elas decisións que tiveron o voto en contra do Partido Popular. Tomen nota.
Ningunha destas cousas, claro, ten importancia para quen non precisa o transporte público porque ten medios propios para desprazarse, nin para quen non depende para vivir do mercado laboral. O obxectivo da política é sinxelo de expoñer: facer deste un mundo mellor. Tràtase de facer un mundo mellor para a inmensa maioría das persoas que precisan dun Estado que ofreza unha cobertura social forte e que contribúa a mellorar os servizos e os espazos públicos. Un Estado, en fin, que potencie o ascensor social que a dereita, o partido popular de forma singular, aspira a eliminar perpetuando as desigualdades e mesmo afondando nelas.
Só hai que ver as propostas que fan, e o que fixeron no pasado para saber o que farian no futuro.