A última vez que un alcalde da Coruña subira en concelleiros tras unhas eleccións, en 1999, Inés Rey aínda non tiña dereito a voto.
A última vez que un alcalde da Coruña fora capaz de renovar nas urnas o posto tras gobernar catro anos, en 2003, Inés Rey aínda estaba sácandose o título de Dereito.
A última vez, antes da actual, na que o PSOE coruñés obtivo nas urnas once concelleiros, en 2007, Inés Rey aínda militaba nas xuventudes do partido.
Por primeira vez en 16 anos, nas eleccións municipais da Coruña votouse case exclusivamente en clave local. Por iso Inés Rey sacou un magnífico resultado, ao revés do que ocorreu na maioría das alcaldías e autonomías do PSOE por todo o Estado, agás Cataluña.
Lembren que en 2011 Carlos Negreira chegou á alcaldía en medio dun tsunami global de apoio ao PP; catro anos despois Xulio Ferreiro sumouse á onda da esquerda post-15M; e en certa medida a propia Inés Rey fíxose co goberno en 2019 co pulo das xerais que viña de gañar Pedro Sánchez. Pero, tras catro anos de xestión, a pesar de guerras e pandemias, e en medio dun castigo xeral aos socialistas por moitos territorios, a alcaldesa consolidouse na Coruña, saíndo reforzada das urnas.
O pasado domingo, Inés Rey liderou con gran diferenza a unha cidade que remarcou de novo que é progresista, como leva facendo desde o regreso da democracia en 1979 (agás o intervalo de Negreira), e como corresponde ao seu carácter histórico liberal, republicano, libertario e galeguista (a pesar de que a miserable perda da capitalidade complicase un tempo esa característica, xa plenamente operativa de novo).
Os pasados comicios locais tamén reforzaron a Inés Rey como parte indispensable do feminismo no seu partido no nivel estatal. Sen contar co particular caso de Abel Caballero en Vigo, as principais vitorias do PSOE no chanzo municipal tiveron a mulleres como protagonistas. Ademais da alcaldesa da Coruña, Carolina Darias en Las Palmas, Lara Méndez en Lugo ou Núria Parlón en Santa Coloma (120.000 habitantes) na súa condición de mulleres foron quen de sortear o que noutras localidades parece unha perda importante de voto feminino, de seguro como mostra de rexeitamento á alianza coa desastrosa xestión de Irene Montero, Pam Rodríguez e demais mediocridades do Ministerio de Igualdade.
Por certo, Inés Rey conseguiu que non fose fugaz o paso dunha muller pola alcaldía dunha urbe que conta cun enorme peso histórico do feminino (e feminista), de María Pita a María Casares.
O “mandato da amabilidade” seguirá, con novos pactos. É un éxito moi importante para a esquerda e, máis en concreto, para Inés Rey. Non é que o diga eu para peloteala, acabo de explicalo con datos e razonamentos. E, ademais, se fose para facerlle a pelota tampouco pasaría nada. Porque ben o merece.