Fisura da desigualdade

Aproveitando a celebración do Foro Davos, WEF, a prestixiosa Oxfam Intermón, presentou un rigoroso estudo sociolóxico baixo o título de “Desigualdade S.A., filial en España” para facer evidente como a enorme concentración de poder corporativo das grandes empresas está a exacerbar a desigualdade. Setenta e dúas páxinas de probas documentadas e datos que poñen diante do espello, para quen queira ollar nelas, unha enorme concentración de poder empresarial en monopolios e oligopolios que está a exacerbar a desigualdade na economía mundial. Entre nós tamén, e máis acentuada. 


Así, no que levamos andado de século, a fenda entre o 50% máis pobre e o 10% máis rico do país duplicouse. O estudo sinala que un dos principais problemas desta desigualdade atópase nunha repartición dispar do crecente PIB, que foi acaparado por uns poucos petos, especialmente polos dalgúns poderes corporativos. 


Case a metade das cincuenta empresas máis grandes no ámbito estatal español teñen unha vinculación significativa con persoas que están entre os do 1% cento máis rico. Esta ONG, promotora do estudo, recalca como a concentración extrema en sectores crave, como o eléctrico ou o bancario, propician comportamentos que unicamente favorecen a estes, e na maioría dos casos son contrarios aos intereses da cidadanía. Véxase como no pasado ano, o beneficio destas compañías aumentou un 16%, mentres que apenas contribuíron ao crecemento do emprego. No informe, afírmase que 15.000 millóns de euros de beneficios empresariais, que deberían tributar en España, son eludidos mediante paraísos fiscais, provocando unhas perdas de 3.620 millóns de euros á facenda pública. 


É cifra equivalente ao 15,6% da recadación total do imposto sobre sociedades. Fainos saber tamén que o soldo medio destas grandes corporación empresariais incrementouse un 8% en 2022 e apenas un 9% desde 2020, mentres que o dos membros do consello de dirección do conxunto das grandes compañías aumentou un 19% entre 2021 e 2022 e un 45% desde 2020. Segundo o estudo, o salario medio dos consellos de dirección é 10,2 veces maior que o da media dos seus traballadores. O estudo, ademais, mostra como a desigualdade salarial tamén é unha cuestión de xénero: as mulleres gañan un 15% menos que os homes en media. Unha diferenza que aumenta canto maior é o rango dentro da empresa. No resto do mundo a situación é similar, non mellor. Por iso, proponse unha reforma fiscal que asegure que as grandes fortunas e corporacións tributen as ganancias responsablemente sen evadir os seus impostos, garantindo o cumprimento dos dereitos laborais. É xusto e necesario.

Fisura da desigualdade

Te puede interesar