Parecía imposible. Había tanta inconsistencia acumulada da época de Casado, que semellaba imposible volver a habitar eses espazos de absoluta frivolidade. E sen embargo, volveu a suceder e da mesma maneira cuns meses atrás. Feijoo empeza regresando ao pasado, volvendo ao populismo, amosando estilos e maneiras que o único que evidencian é o afundimento da pretendida estratexia de cambio no PP. É certo que dende Galicia xa se avisara de que Feijoo non é máis que un envoltorio que amosa boas maneiras, pero que non vai máis alá diso xa que comparte discurso, recursos e plantexamentos que teñen un único obxectivo: o desgaste do Goberno. As medidas anticrise eran o marco oportuno e conveniente. Incluso era doado explicar que as medidas a aprobar eran de tanto calado e de tanta importancia para mellorar a mala situación de moitas familias españolas, que estaba xustificado colaborar co Goberno na medida que fose. Pero non houbo intención, nin interese, nin visión de Estado ou o máis mínimo movemento por axudar á sociedade nun momento de especial dificultade. Onte non se votaba calquera cousa menor. A rebaixa do prezo dos gasolinas; a subida dun 15% do Ingreso Mínimo Vital; a limitación da suba dos alugueres; os 1000 millóns de euros das axudas directas aos transportistas, aos gandeiros, agricultores e sector da pesca, ou a limitación do prezo do gas entre outras medidas. Feijoo e o PP votaron en contra e perderon así a oportunidade de ser parte da solución duns problemas que a crise e a invasión rusa da Ucraína, complicou notablemente. Feijoo non soubo marcar diferencias, nin impor novos discursos. Entra na zona vermella, a que define que o feito de non saber ser útil, conduce irremediablemente á irrelevancia.
O tempo articula silencios e distancia -dixo El- nun calendario marcado de datas habitadas e imposibles, coma memorias feridas de tenrura...