Gabanza das feiras

As feiras tradicionais, as versións festivas e mesmo os mercadiños son un alicerce fundamental na conservación e transmisión da cultura galega. Estes espazos, onde converxen a historia, as tradicións e a vida cotiá, son moito máis que simples lugares de intercambio económico: son o escenario no que se manifesta e perpetúa a identidade colectiva do noso pobo. Sen dúbida, son auténticos viveiros de cultura. Nun mundo cada vez máis globalizado, onde as identidades locais poden diluírse, as feiras, de onte ou de hoxe, representan un bastión de resistencia cultural, un lugar onde o pasado e o presente se atopan, garantindo así un futuro onde a esencia galega siga viva.


Desde tempos inmemoriais, as feiras galegas foron puntos de encontro onde os habitantes das aldeas e vilas se xuntaban para comerciar, pero tamén para socializar e compartir saberes. Aínda hoxe, malia os cambios sociais e económicos, por sorte para o país, moitas destas feiras seguen a celebrarse, mantendo vivas prácticas e costumes que doutra maneira seguro desaparecerían.


Unha das principais contribucións das feiras tradicionais á cultura galega é a preservación da lingua. No ambiente destes eventos, onde a proximidade e a confianza son esenciais, o galego segue a ser a lingua predominante, favorecendo o seu uso entre xentes de distintas xeracións. Normalmente, a xente maior, que mantén un vínculo máis forte coa lingua, relaciónase e actúa  coa mocidade, garantindo así a súa transmisión, socialización e o fortalecemento da nosa lingua.


Por outra banda, as feiras tamén son vitais para a conservación das artes e oficios tradicionais. Produtos como a olería, o traballo en coiro ou a cestería, que teñen profundas raíces na historia galega, atopan nas feiras un escaparate para continuar existindo. Estes espazos permiten que artesáns locais amosen as súas creacións e as transmitan a futuras xeracións, salvagardando saberes que doutro modo quedarían no esquecemento. É tamén patrimonio inmaterial da cultura.


Ademais, as feiras serven como escenario para as manifestacións culturais máis propias da Galiza, como a música e o baile tradicional. Non é raro atopar diferentes grupos actuando nas feiras, facendo que a música popular galega forme parte da vida cotiá dos asistentes e reforce o sentimento de pertenza e axuda a manter viva a tradición musical. Do mesmo xeito como as feiras fortalecen o tecido social comunitario da nosa cidadanía. Ao reunir persoas de diversos lugares dunha contorna, xérase un sentimento de comunidade que é fundamental para a cohesión social. Este encontro regular, e mesmo o puntual dunha celebración festiva ocasional, permite que se reforcen lazos e que se manteñan vivas as redes de apoio mutuo tan características da sociedade rural galega.


Con todo, as feiras precisan de máis apoio institucional e popular, para garantir o seu valor cultural.

Gabanza das feiras

Te puede interesar