É ben saír do áspero ambiente político que emite Madrid. Esta terceira vaga de crispación -sempre ocorren cando non goberna a dereita, por algo será- ten mergullado a dialéctica estatal nunha lama con picos ultras pouco respectuosa cos valores democráticos e cívicos. Porén, existe outro enfoque. Estes días xurdiu en Galicia, onde a palabra de orde parece ser “pacto”.
Pacto 1. A liberación dos peiraos interiores do porto da Coruña xuntou en María Pita o pasado mércores a todas as administracións implicadas, con acordos ademais. Tras anos de silencio mortuorio ou debates de fume, a cousa está en marcha. Non é casualidade que todos estes avances se estean producindo desde que Inés Rey chegou á alcaldía, hai case cinco anos. Desde a conexión ferroviaria ao protocolo actual, os pasos adiante están sendo importantes. A Xunta parece entendelo, ao igual que o goberno central. A Coruña ten unha gran oportunidade aí, en múltiples aspectos que abranguen o cultural, o verde, a vivenda e outros, todo para facer axiña realidade, mediante o diálogo, o que a alcaldesa denominou “o espazo urbano de maior calidade de Galicia”. Que así sexa.
Pacto 2. O presidente da Xunta quitouse a timidez de riba tras a vitoria electoral. Agora seica quere deixar pegada. Segue lonxe das políticas progresistas que necesita Galicia, pero asoman pequenos xiros interesantes para a análise. Por exemplo, detéctase no PPdeG algunha aproximación a unha especie de neofraguismo, ou sexa, a devolver á formación polos carreiros dun certo galeguismo, caso do discurso (conservador) do novo conselleiro de Cultura e Lingua, José López. Vén de ofrecer un Pacto polo idioma do país. A ver. A aposta linguística do PP nunca estivo ao nivel de protección e difusión que necesita o galego. Pero non soa mal un acordo que avive o gran momento que vive a nosa lingua no cultural e na aceptación popular. Baixan os galegofalantes a tempo completo, pero aínda así o idioma propio (como o define o Estatuto) atravesa un momento potente a favorecer, que debería terminar con anomalías como que non se poida impartir matemáticas nel, pero que tamén estea na realidade, lonxe dese discurso apocalíptico e militarizado dos que ven o galego como unha obriga patriótica e non o que é, un tesouro común, unha identidade feliz.
Pacto 3. O líder do PSdeG, Gómez Besteiro, reuniuse co Foro Fieito, defensor dunha Galicia industrializada. Tras a xuntanza, o socialista propuxo un Pacto pola eólica, cuxo imprescindible desenvolvemento sofre un agudo freo polas moi discutibles decisións do TSXG. Ben pensado. É un tren que non podemos perder. Ao igual que outros, como o de Greenfiber se cumpre cos esixentes parámetros ambientais europeos. Iso é o progresista, se cadra por esa razón a esquerda conservadora vai á contra, con demasiados argumentos que rozan o magufo. Pero aí tamén hai opción de pacto. Poden ser ben.