Amarcha de Feijóo a Madrid para liderar o Partido Popular, deixa a Galicia sen goberno. Os conselleiros están máis preocupados neste momento de quen pode ser o sucesor e de saír na foto do relevo do PP que por atender as súas responsabilidades.
No momento económico e social que estamos a vivir, cando aínda non recuperamos a normalidade trala pandemia e sufrimos as consecuencias económicas da guerra de Ucraína nos nosos petos, Feijóo marcha para Madrid, Alfonso Rueda, o anunciado sucesor, non está nomeado oficialmente e non temos ao fronte do goberno a ninguén que dea conta do recado. Todos os conselleiros marcharon a Sevilla a aplaudir a Feijóo deixando a Galicia sen goberno.
Galicia non ten goberno e a Xunta está ausente dos problemas dos galegos nun dos momentos máis críticos dos últimos 30 anos da nosa economía. As medidas anunciadas por Feijóo o día que marchaba de Galicia, non se concretaron no Diario Oficial de Galicia, non existen, e polo tanto non están operativas.
A Xunta ten mecanismos para axudar aos galegos neste momento como rebaixar as peaxes das autoestradas da súa titularidade ou actuando sobre a parte impositiva que depende da comunidade, o 58% da recadación do imposto do hidrocarburos se transfire a Galicia, pero o problema é que non hai ninguén neste momento ao fronte con capacidade de exercer e de tomar medidas.
O PP non pode trasladar o seus problemas e a súa interinidade aos galegos, Galicia non merece que se escolla un presidente da Xunta por descarte, porque será legal pero carecerá de lexitimidade, porque só hai ano e medio que os galegos e galegas votamos mentres o PP presentaba a Feijóo como candidato para catro anos.
Galicia precisa máis que nunca un goberno que goberne, comprometido con país, presente nos asuntos do día a día, que de resposta ás preocupacións dos galegos e co liderado dun partido como o PSdeG centrado en aportar solucións aos problemas dos galegos e non na sucesión.