O trío Tanxugueiras, formado por Olaia, Sabela e Aida, ilusionou durante toda á semana aos galegos e galegas ante a posibilidade de que un tema na nosa lingua puidese representar a España en Eurovisión. Non puido ser. Pero, sen lugar a dúbidas, as Tanxugueiras foron as gañadoras morais do Benidorm Fest, ao obter a máxima puntuación do público e da mostra demoscópica que valorou as diferentes actuacións.
Nunca en Galicia estiveramos tan pendentes dunha gala musical. Coa súa revisión da música tradicional galega, á que lle engaden elementos sonoros doutros xéneros máis actuais, Tanxugueiras rozou a victoria. Non foron as elixidas, pero con elas gañou Galicia.
Gañou Galicia porque fomos quen de evidenciar ante toda España que a nosa cultura, en forma de música, ten a capacidade de conectar con diferentes sensibilidades e cun amplo abano de público, que valorou o tema Terra como o mellor da gala.
Gañou Galicia porque tres mulleres bravas, pandereteiras e cunha dilatada formación en música e baile tradicional galego, conseguiron coa súa mistura de folclore tradicional e música urbana que toda España falase de Galicia, como un elemento que suma e enriquece á nosa sociedade.
Gañou Galicia porque a ilusión das Tanxugueiras, tremendamente contaxiosa, orixinou que a conversa global xirase en torno ao que nos une, como españois, en lugar de ao que nos separa.
Gañou Galicia porque un proxecto musical inclusivo e que evidenciaba a nosa diversidade idiomática e cultural seguiuse en prime time e foi valorado por un público que, sen prexuízos, demostrou que o noso idioma e a nosa cultura poden triunfar en calquera canto do mundo.
No ano 1968, Joan Manuel Serrat negouse a representar a España en Eurovisión senón o facía cantando en catalán. A ditadura impediuno. Aquilo foi un pequeno seísmo para o réxime franquista porque o Festival de Eurovisión era, e volve ser, un acontecemento televisivo e musical de seguimento masivo.
Hoxe, 54 anos despois, podemos dicir que España derrubou os muros e as liñas vermellas do pasado e demostrou que un tema cantado nunha das linguas co-oficiais pode ser perfectamente elixible para nos representar en Europa.
As Tanxugueiras demostraron que Galicia ten moito que aportar e a sociedade española, aberta e inclusiva, deu toda unha lección de respecto pola diversidade e tolerancia e con iso é co que nos temos que quedar.