Un ano despois do pasamento de Xusto Moreda (Ribadeo, 1935-A Coruña 2022) a Agrupación Cultural Francisco Lanza, do seu Ribadeo natal, organiza unha serie de actos para relembralo e unha “Exposición homenaxe a un espíritu rebelde”, na Sala de exposicións do Parque de San Francisco. O acto inaugural foi un recital poético, no que participaron presencialmente, ademáis da que suscribe, Marica Campo, Miguel Mato, Xavier R. Baixeras e, a través de gravacións, Eva Veiga. M. Lourenzo, X. Valcárcel, Fernán-Vello, Toni Deaño e Xesús Pisón. A vida de Xusto foi a dun creador inconforme, que abandonou os estudos de Medicina para se dedicar á arte, o que fixo que o seu pai lle puxera a maleta na porta. Así, afortunadamente para a nosa cidade, na Coruña desenvolvería a súa traxectoria, deixando unha pegada inesquencible e servindo de polo de atracción para tantos artistas e poetas amigos dos que gustaba rodearse, na Galería Arracada, sita na Cidade Vella, que fundara con Nico Fernández e na súa casa de Cerqueda. Fun testigo e protagonista a miúdo de tales xuntanzas e dediqueille poemas e artículos, dende esta mesmas páxinas, o último en 2004, sobre a súa mostra en Portas Ártabras, espazo creado por outro notable: Felipe Senén. A súa obra, que él, as veces, calificaba de expresionista, era dunha radical orixinalidade, non se parecía a ninguén, tanto cando pintaba con delicado lirismo as casas e rúas do seu pobo ou as súas naturezas mortas, como cando quería retratar ao ser humano e entón inventada rostros bifrontes de grandes ollos asombrados, criaturas que podían leerse como deidades andróxinas que prefiguraban a potencia do eterno femenino e as innúmeras faces da Gran Nai. Eran presenzas mudas i estáticas que parecían interrogar abraiadas ao grande enigma da existencia e que tiñan unha solemnidade e hieratismo semellante ao da arte ibérica ou exipcia. Podemos, así, afirmar que a súa pintura era moderna, porque, como ocurre con tanto creador contemporáneo, tiña resonancias arcaicas, que él traducía a esas estantías facianas que eran como un xeito de lle poñer rostro ás orixes e as ninfas do río Eo; quizais, por iso, lle acae o nome “eo-anthropos” ( home do Eo), como o bautizou, o tamén ribadense, Daniel Cortezón. Con paleta vibrante e xusta, trata de recoller os silentes misterios que se asentan nos pazos da alma e que é traduce a faces de hieratismo estupefacto, que se poden leer como arquetipos eternos e nos que latexa esa raíz románica de noso. A mostra actual de Ribadeo recolle varios rostros, dous polícromos bodegóns, unha desas súas casas abeirada da rúa e un tríptico no que contrapón a Virxe de Vilaselán con pegadas de mans que teñen as cores da República. Regálanos, de novo, a súa persoal visión da realidade que era paixón de ver alén dos ollos, como cantamos nun poema do ano 89:”Fai un esguello a vida nos teus ollos:/ ollos que o abraio abre e que preguntan,/ preguntan polo soño que nos soña,/. Preguntan polo ser e fican pasmos.”