No Nadal do ano 2019 Europa celebraba outro ano de recuperación. Comezaba un 2020 chamado a ser un exercicio de consolidación, un ano para deixar atrás os rigores da década previa.
A pandemia, en marzo do 2020, mudouno todo e converteuse nun reto dunha magnitude como non se recordaba en Europa en cen anos. Lonxe de rematar os problemas, dous anos despois de aquel primeiro estado de alarma, a invasión rusa de Ucraína non fixo máis que acrecentalos. Vivimos, sen dúbida, tempos difíciles.
Tempos nos que non só Europa, senón Occidente tal e como o coñecemos, ten por diante un dos seus maiores retos. Como sociedade, xogámonos moito.
O noso presente e o noso futuro. Estamos nun momento crucial da nosa historia, un momento que esixe de nós, de todos, a máxima lealdade e a máxima unidade, a capacidade de deixar dun lado o que nos separa e defender o que nos une. Insisto, por enriba das lexítima diferenzas que nos separan.
Non é de recibo que ninguén intente, nas augas revoltas da situación internacional que nos tocou vivir, obter rédito político nun marco como o actual. Están fóra de lugar declaracións como as de quen acusa a un Goberno de “forrarse” con impostos, e están fóra de lugar ataques partidistas pola xestión dunha crise que excede, con moito, non só as fronteiras españolas, senón as europeas.
Non hai maior premio para quen ataca hoxe os valores de Occidente que sementar con éxito a división interna. Non é posible continuar coas nosas vidas como se no mundo non acontecera nada, equivócanse aqueles que observan esta crise con mirada curta.
Os países precisan máis unidade que nunca para facer fronte a esta situación. Non será sinxelo nin será rápido enderezar de novo o rumbo, mais os que sabemos que estamos no lado bo da historia, os que defendemos a nosa vida en liberdade e nun estado de dereito que trate ás persoas por igual, temos a obriga de estar unidos e de evitar estratexias de desgaste interno que en nada axudan a facilitar as cousas.
Si algo ten de bo a situación que estamos a vivir, é precisamente a demostración de que Europa é quen de unirse, de afastarse das taifas e do mero interese nacional en detrimento do veciño. Porque Europa, toda Europa, tense decatado de que as ameazas non afectan a un só país, senón a toda unha civilización, e que como tal temos que ser quen de ofrecer respostas firmes e coordinadas, tomando decisións que non sempre son sinxelas.
A nosa maior debilidade é a división, a fractura, a incapacidade de facer unha fronte común. Demostremos, pois, as nosas fortalezas, porque hoxe é máis necesario ca nunca. A historia xulgará a quen aproveite unha crise mundial en beneficio propio.