Letras galegas e outras

Venres 17 de maio, día festivo que prolonga a nosa fin de semana, para moitas persoas será un agasallo para gozar de tempo libre, familia, amigos… Pero non é un venres calquera, en Galicia celebramos o Día das Letras Galegas, este ano en honra da poeta e dramaturga Luisa Villalta.


Non son experta na materia, simplemente lectora, así que hoxe, onde outros falarán dela, limítome a honrar a súa memoria e as nosas letras nun idioma que levo nun cuarto do meu sangue, se tan só na liña do avó materno, de terras de Guísamo. Un idioma que fun escoitando de maneira máis asidua e que aprendín na miña época de estudante na Facultade de Económicas compostelá. Un idioma que tivo idas e voltas no meu día a día, pero como tantos outros me foi habitando e hoxe, grazas a Carlos, acompáñame no cotián.


Nacín en español, asomeime ao “euskera” do meu Donosti natal, coqueteé co galego ao son das cantigas que recitaba o meu avó Pepe, desde os catro anos aventureime co francés e logo viñeron outras linguas como o inglés, o portugués, amores fugaces co alemán ou o italiano, incluso o ruso. Letras galegas e outras.


Moitos son os estudos que demostraron que aprender idiomas ten un impacto positivo na estrutura do noso cerebro, na área que procesa a información, o que pode mellorar a aprendizaxe, a concentración e a memoria. Un estudo levado ao cabo na Universidade de York en Toronto, Canadá, demostrou que as persoas que dominan polo menos dous idiomas teñen menos propensión a padecer Alzheimer. Pola súa banda, a revista médica Psychological Studies informa que as persoas que pensan nun idioma distinto á súa lingua materna non só melloran a súa capacidade de reacción ante situacións adversas, senón que tamén aprenden a lidar cos problemas máis rapidamente e atopan solucións de xeito más áxil.


As palabras acenden conversacións, avivan relacións, tecen conexións. Esa foi a miña principal motivación para estudar idiomas. Investir en sons que ambientan as estancias, escoitar atentamente as voces do mundo que me rodea, descubrir os xestos que se pronuncian igual aí onde viaxemos.


Falar máis dun idioma abriume moitas portas e permitiume coñecer o mundo desde os seus múltiples sons, sen filtros. Os meus pais tiveron a xenial idea de matricularnos ao meu irmán e a min no Liceo Francés, o que nos permitiu dominar unha lingua estranxeira, introducirnos noutra cultura e seguir un mesmo sistema educativo alí onde fomos a vivir. Inculcáronnos que coñecer mundo era algo esencial para a educación e ademais de vivir en varios países, sempre que podían levábannos con eles nas súas viaxes. Encántame a sensación de chegar a un novo destino e coñecer xente diferente.


Falar máis dun idioma, viaxar expandiu a miña mente, abriume a coñecer e coñecerme. Viaxar fíxome máis humana. Permitiume ampliar os meus coñecementos e transformarme, volvéndome máis tolerante e sabia, máis viva e soñadora. En definitiva, máis feliz. E como en toda viaxe hai idas e voltas e hoxe, volvemos ás raíces.


Venres 17 de maio, hoxe honramos as Letras Galegas, hoxe honramos a Luisa Villalta e na súa voz “Se o principio foi a palabra, antes dela foi o son e, despois, o entendimento e transmisión da súa melodía. Eis a Música, que brota como o rio da existencia, e a Palabra, que interpreta o seu ritmo como unha danza ritual arredor do lume da intelixencia. Eis a Poesía, palabra melódica.”.

Letras galegas e outras

Te puede interesar