Lume na fronteira

Os incendios forestais que vén de soportar Portugal, cun impacto devastador que deixa un rastro de destrución, dor e desesperanza, son lección para nós. A recente vaga de lumes no norte do noso veciño, que custou a vida de persoas e empurrou aos bombeiros ao seu límite, fai revivir feridas abertas en 2017, co tráxico símbolo de Pedrógrao, onde moitas máis persoas perderon a vida. Cada ano, malia as advertencias, parece que o lume sorprende de novo, coma se non existise memoria nin planificación. Daquela, o refrán “cando vexas as orellas ao lobo, pon as túas a salvo” debería resoar en Galiza con forza, xa que o risco de sufrir unha traxedia semellante está máis que presente.


O principal problema non radica só na “man humana” que provoca incendios, senón tamén no que non se fixo para previlos. O abandono do rural, a falta de xestión sostible das masas arbóreas e a promoción indiscriminada de especies forestais como é o eucalipto, árbore coñecida pola súa alta inflamabilidade, son causas fundamentais da propagación incontrolada do lume. Hai neglixencia política no caso portugués: A Carta de Perigosidade de Incendios Rurais, documento de prevención feito polo seu Instituto de Conservación da Natureza e das Forestas e o Grupo de Estudos de Ordenamento do Territorio e Ambiente, é un plan eficaz para mitigar estes riscos. Porén, abofé, aínda gran parte do seu contido segue sen aplicarse, convertendo ese programa en papel mollado.


En moitos casos, acolá e tamén aquí no territorio galego, a política forestal continúa favorecendo o lucro mercantil rápido sobre a sustentabilidade a longo prazo. Plantacións de monocultivo como o eucalipto están deseñadas para maximizar os beneficios económicos, pero este tipo de explotacións non só incrementan o risco de incendio, senón que tamén degradan o solo e os ecosistemas. A prevención pasa, entre outras medidas, por unha revalorización das especies autóctonas, como o carballo ou a sobreira, que non só contribúen a unha mellor xestión dos incendios, senón que tamén desempeñan un papel crucial na retención de auga e na prevención da erosión. O monocultivo do eucalipto, en cambio, empobrece o solo, volvéndoo máis susceptible á “hidrofobia”, que, tras os incendios, podería desembocar en riadas perigosas que poden chegar coa normal chuvia outonal.


O abandono do mundo rural tamén xoga un papel clave. Antes, a xente labrega contribuía ao mantemento das terras, limpando as áreas boscosas e reducindo o potencial combustible. Hoxe, coa migración forzada cara ás cidades, eses terreos quedan abandonados e o mato propágase sen control, sumando combustible a un lume que semella imposible de extinguir. As políticas públicas non ofrecen incentivos suficientes para revitalizar as zonas rurais nin para reverter este éxodo.


Pero hai solucións. O equilibrio entre rendibilidade económica e conservación ambiental debe ser repensado. É urxente que os gobernos promovan a reforestación con especies autóctonas, aínda que sexan menos lucrativas a curto prazo, pois garantirán unha maior protección contra o lume e unha mellor xestión da auga. Ademais, é fundamental establecer un mosaico de múltiples funcións no territorio, que combine zonas agrícolas, de pastoreo e forestais, xa que iso non só frearía a propagación dos incendios, senón que melloraría a calidade dos solos e garante biodiversidade. E lembremos este consello estratéxico: Coidemos o monte no inverno, para non chorar no verán.

Lume na fronteira

Te puede interesar