Vivimos nunha estraña contradición. Por unha parte, todos os organismos internacionais indican a boa saúde da economía española, que segue creando emprego, e que subiu 0,5 puntos no 1º trimestre mentres que o conxunto de Europa entrou en recesión. E sen embargo Feijóo, que está que bota por fóra dende que se coñeceron os resultados do 28M, segue falando a micro aberto de crises, apocalipses e demais termos consubstanciais, para definir á traxedia -segundo el- da economía española. Quizás todo radique no bo resultado que lles deu a manipulación da verdade nesta pasada campaña; tamén en que o drama e o apocalipse chegan mellor aos cidadáns, e venden moito máis fronte a unha verdade que é positiva, pero tamén máis monótona e aburrida. Non sabemos nada do programa electoral de Feijóo, só que as cousas soltas que vai prometendo, xa están en vigor. Pero o único que repite ata o paroxismo, é o mantra de derrotar e desmontar o sanchismo. Evidentemente non é un slogan inocente nin baladí. Ademais de propoñer en negativo, pretende que se identifique a un goberno lexítimo, democrático e transparente, cos movementos populistas e caudillistas, que dominaron no panorama iberoamericano, e que destacan precisamente polo contrario. Feijóo xoga a parecer moderado, pero o certo é que está radicalizando o seu discurso. As distancias que tiñan que terse marcado con rotundidade con Vox, non só non se marcaron, senón que parecera que se discute a propiedade dos marcos. Así asistimos a auténticas cerimonias da confusión e do esperpento, coas iniciativas populistas en Castela e León, Andalucía etc, que ata rebaten e cuestionan as lexislacións estatais e europeas. Insisten machaconamente no negacionismo e na ocorrencia. Por moito que vaian contra o evidente, prometen continuar sen correxirse, nin enmendarse; custe o que custe e caia quen caia.
Estás no patrimonio íntimo da dor que nunca cesa...