Na mitoloxía grega, o mito das mareas mansas conta a historia de Ceix e Alcíone, unha parella de amantes que foron transformados en paxaros mariños coñecidos pola súa fidelidade e amor. Os dous namoráronse perdidamente e casaron. Un día, Ceix partiu nunha viaxe por mar para buscar ao seu irmán, afundíndose co barco por mor dunha tormenta. Alcíone, desesperada pola perda do seu amado, lanzouse ao mar. Os deuses, conmovidos pola súa dor, transformárona nun alción. Desde entón, esta parella de aves, reúnense cada ano no inverno, cando as mareas son máis tranquilas. O mito das mareas mansas é unha historia sobre o amor, a perda e a esperanza. O mito tamén ten un significado simbólico. As mareas mansas representan a calma e a paz que se atopan despois da tormenta. Alén do seu valor universal, para este ámbito da cultura occidental do planeta, á vista dos tempos de hoxe en día, tamén é unha potente metáfora da reivindicación dun futuro para o mundo do mar galego; e dicir, para as xentes que teñen nese medio natural o seu sostén, modo de vida e traballo, agora ameazado por graves factores de actuación e neglixencia allea ás comunidades marítimas. Un ámbito económico e social que asiste impotente diante da situación de grande debilidade dos bivalvos e a forte mortalidade ocasionada por unha confluencia simultánea de factores, tal é o caso da suba de temperatura das augas marítimas, debilidade do afloramento coa consecuencia de menos alimento para os mariscos e peixes ao que debe sumarse a menor renovación das augas das rías e por tanto un máis grande impacto de contaminación e da redución da salinidade debida á falta de regulación no control da xestión dos encoros. Neste panorama, a situación creada pola chegada masiva de materiais plásticos ás costas do país, representando unha indiscutíbel situación de emerxencia medioambiental, diante dos potenciais riscos de contaminación e toxicidade na cadea trófica alimentaria, é novamente máis outra constatación da impunidade coa que milleiros de materiais velenosos circulan a diario diante das nosas costas e a real indefensión do litoral galego fronte aos riscos derivados dese tráfico. Por iso, é de xustiza a reacción das organizacións, entidades e colectivos que convocan á manifestación “En defensa do noso mar”, vendo como todo está a derrubarse coa a desidia dos que deberían protexelo, fartos de tanta mentira e desleixo. Reclamando un futuro de “mareas mansas”, por un mar cheo de vida e traballo.