‘Mareas vivas’ de Galicia

Esta semana cumpríronse 25 anos dun momento clave na historia cultural de Galicia, ese país que, eclipsado polas eleccións, celebra o martes o que, oficialmente, é o seu Día Nacional. Refírome ao comezo da rodaxe da serie de televisión máis importante da nosa historia. Falo de Mareas Vivas.
 

Hai un cuarto de século, en Laxe -convertida en Portozás- as cámaras acendían o piloto vermello dun produto televisivo que marcou unha xeración, e tivo un efecto social moi superior ao que era habitual na época, por iso aínda falamos dela tanto tempo despois. Porque Mareas Vivas propuxo unha narrativa feliz e inzada de talento sobre un territorio que eran moitos máis. Non era só unha serie sobre a Costa da Morte, senón que a súa mirada abranguía á Galicia máis popular e activa, rachando coa tradicional división entre urbano e rural para focalizar un terceiro lugar, que xa daquela era maioritario. 
 

As importantes audiencias de Mareas Vivas na TVG ratificaron esa aposta. Como contan os seus creadores, o éxito foi maiúsculo especialmente nas cidades. Ten lóxica. O universo da serie parecíase moito máis ao de barrios urbanos como a Agra do Orzán ou Bouzas que ao tradicional das aldeas do interior do país, que sempre tiveron a primacia á hora de representar Galicia. Dalgún xeito, Mareas Vivas servía para solucionar, en parte, esa triste descompensación. Era, e segue sendo, unha auténtica anomalía que o gran relato de Galicia, que é o marítimo, dispoña dun oco tan limitado na nosa producción cultural, ecosistema que tamén inflúe en como nos entendemos a nós mesmos a todos os niveis.
 

Grandes nomes estaban detrás daquel éxito. Antón Reixa, os guionistas de Zopilote, Xurxo Souto, Isabel Blanco, Luís Tosar, Luís Zahera, Miguel de Lira, Carlos Blanco, etc… participaron nun serial que bebía da eclosión do movemento bravú, gran axitador cultural de Galicia nos anos noventa e cuxa influencia chegou ata as mobilizacións de Nunca Máis tras o naufraxio do Prestige. 
 

Mareas Vivas demostrou tamén algo que ninguén debe esquecer: a enorme potencialidade dos medios públicos galegos. Emitiuse durante o longo mandato de Manuel Fraga, cuxa contorna talvez non a entendeu, dada a súa condición de produto amable, que o era, pero cun subtexto que facía agromar novas visións do país. Tamén cunha linguaxe nunca vista en televisión. Porque a serie buscou autenticidade e a conseguíu mediante o uso do galego dialectal, con gheada e seseo, o que lle custou airadas críticas por parte dalgún sector do nacionalismo, que consideraba que así se lle restaba “dignidade á lingua”. Non o entendeu dese xeito o público, todo o contrario.
 

Mareas Vivas falaba da mellor Galicia. Esa na que vas tomar un viño e tes arredor a catro que traballaron en Australia, ou deron un par de voltas ao mundo, e saben contalo con retranca, como algo do máis normal. Por iso somos excepcionais. 

‘Mareas vivas’ de Galicia

Te puede interesar