O mitin do Pazo dos Deportes, 40 anos despois

O Pazo dos Deportes de Riazor estaba cheo como nas grandes xestas deportivas. Máis de 9.000 persoas agardaban expectantes. Non había partido. Nin concerto. O que había aquel 13 de outubro de 1982, pasadas as oito e media da tarde, era un mitin. Felipe González recalaba nunha cidade ávida de escoitar un discurso novo, ávida da chegada dun país novo. Non quedou na Coruña ninguén naquela semana que non escoitara falar con entusiasmo daquela intervención. Aquel mitin foi un símbolo de esperanza e ilusión, símbolo dun país que se poñía en marcha tras moitos anos de parálise e escuridade. Naquel mitin quedaron claras dúas cousas: a calidade e brillantez do futuro presidente do Goberno, e a convicción das persoas de que o seu futuro empezaban a deseñalo elas mesmas, e non o puñado de privilexiados que ata entón xestionaron España para o seu particular beneficio. Cúmprense esta semana 40 anos daquel cheo en Riazor, catro decenios nos que este país mudou de arriba a abaixo, nos que España se converteu nun país europeo que forma parte do escaso grupo de aqueles lugares do mundo onde a calidade de vida acadada a través dos servizos públicos mestúrase coa liberdade para facer desta unha excelente terra para vivir. Nin foi todo perfecto nin é fácil sempre seguir o rumbo. Mais cómpre mirar atrás con honestidade e pensar que gobernos foron os que construíron a sanidade e a educación públicas, o sistemas das autonomías. Que gobernos foron os que permitiron avances esencias hoxe non cuestionados como o divorcio, o dereito ao aborto ou o máis recente a unha morte digna. Cómpre pensar nos millóns de persoas que estudaron nas universidades públicas e que puideron coller un ascensor social antes negado. Non é menos importante recordar que sempre que se conquistaron dereitos fíxose con grandes escollos e atrancos, basicamente co rexeitamento sistemático do que hoxe é o principal partido da oposición. Moitos anos teñen pasado desde aquel mitin do Pazo dos Deportes, mais cómpre reivindicar hoxe o seu espírito e defender a folla de ruta da liberdade e da democracia alí trazada. Unha folla de ruta que tiña e ten unha premisa básica: que o Estado ten que estar ao servizos dos cidadáns, e non ao revés. Semella unha obviedade pero non o é, porque aqueles que votan en contra da suba do salario mínimo, en contra dunha reforma laboral que protexa aos traballadores, en contra do dereito a unha morte digna, en contra de plans de alivio económico para quen ten menos recursos, son tamén os que defenden sen careta que a prioridade fiscal neste país (así o teñen demostrado ata agora en Galicia e Andalucía) é reducir os impostos aos máis ricos. Están aí, sempre o estiveron, aqueles que  se cren no dereito ao privilexio, aqueles que ven o servizo público dun xeito feudal no que os servidores non son eles, que se ven máis ben señores dignos de ser servidos. En 1982 este país dixo por aplastante maioría que esa época tiña rematado. Traballemos para que non volva. 
 

O mitin do Pazo dos Deportes, 40 anos despois

Te puede interesar