Mudanza nas correntes oceánicas

As correntes oceánicas son fundamentais para a regulación do clima, o transporte de nutrientes e a biodiversidade mariña. Con todo, a deriva climática está a afectar a súa dinámica e os seus efectos no planeta. No Día Mundial dos Océanos, que vén de conmemorarse en días pasados, as cousas de comer da actualidade xornalística deixaron pouco espazo á reflexión para lembrar que, os océanos e as súas correntes, son fonte de vida e sustento para millóns de persoas. O océano non só é o fogar de miles de especies, senón tamén o provedor principal de osíxeno no planeta. Considerando que a auga ocupa dousPterzos da superficie terrestre, o ser humano só ten explorado a décima parte  do que esconde esa enorme capa azul que nutre o noso mundo. E, pola contra,  as accións que se levan a cabo día a día están a poñer en perigo nosa propia fonte de vida. Imos mal.
 

Esta pasada xornada de reflexión, impulsada pola Organización das Nacións Unidas, escolleu como lema do Día Mundial dos Océanos unha chamada de atención concretada no slogan “Planeta oceánico: as correntes están a cambiar”. O obxectivo buscado é concienciar sobre o papel crucial dos océanos no equilibrio ecolóxico e socioeconómico do mundo, así como sobre os desafíos e oportunidades que expoñen as alteracións das correntes oceánicas debido ao quecemento global. 
 

Entre os principais efectos do cambio climático, emerxencia é a palabra máis acaída, nas correntes oceánicas atópanse a aceleración das correntes superficiais, a retardación das correntes profundas, o cambio na distribución das especies mariñas, a alteración dos ciclos biolóxicos e químicos ou a modificación dos patróns climáticos das diferentes zonas territoriais e aínda mesmo os globais. 
 

Para facer fronte a estes impactos, precísase  dunha maior investigación científica, unha xestión sostible dos recursos mariños, unha cooperación internacional efectiva e unha participación cidadá activa. Xente concienciada e mobilizada para evitar que isto siga polo actual camiño de perdición. Así o propón o Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible (2021-2030) da ONU, que busca mobilizar á comunidade científica, os gobernos, a sociedade civil e o sector privado para producir coñecemento e solucións innovadoras orientadas á  conservación e o uso sostible dos océanos. Neste sentido, a conmemoración do reivindicativo Día Mundial dos Océanos, foi e continúa a ser unha oportunidade para celebrar o valor dos océanos, difundir as súas ameazas e desafíos, e promover accións individuais e colectivas para a súa protección e restauración. Berremos: Os océanos son o noso patrimonio común e a nosa responsabilidade compartida. Amén.

Mudanza nas correntes oceánicas

Te puede interesar