O día a día do tratamento nos medios de comunicación deses temas que provocan balbordo, confinan a un plano de menor relevancia ao tratamento da chamada crise demográfica.
Así e todo, dende tempo atrás, no ámbito galego, no continental europeo e no alén mar, vense dando un intenso debate sobre o futuro da familia por mor das rápidas e profundas transformacións ás que se viu sometida no último medio século. Hai consenso ao redor da idea de que as súas características tradicionais erosionáronse nos países. Isto é especialmente evidente no incremento das taxas de divorcio e as caídas sen precedentes dos matrimonios e, sobre todo, das taxas de fecundidade. Con todo, este proceso estivo acompañado por unha crecente diversidade nos modelos de organización familiar, cun incremento do número de fogares unipersoais, da cohabitación en parellas de feito ou dereito e outras formas alternativas de estruturación familiar. O resultado de todo iso é un desequilibrio demográfico marcado pola caída das taxas de natalidade, ao estar moi por baixo da taxa de substitución xeracional, algo insólito cando se analiza a realidade demográfica desde unha perspectiva histórica. As poboacións da parte rica e industrializada do planeta envellecen a un ritmo nunca visto, emerxendo voces de alarma que cuestionan a seguridade dos nosos sistemas de protección social, co foco de alerta a respecto da viabilidade futura do sistema público de pensións, actual, sen contemplar outra xustas fórmulas que acheguen recursos pola vía de taxas impositivas á substitución de man de obra humana por tecnoloxía.
As causas da perda de poboación están aquí, e persisten sen solución política, sabendo que entre as variables máis importantes na natalidade, unha delas é que as parellas non teñen suficiente seguridade e confianza económica, non só para ter fillos, senón tamén para mantelos no medio e longo prazo. As causas da caída da natalidade nas últimas décadas foron socioeconómicas: A inestabilidade laboral, as dificultades para a conciliación ou o seus efectos sobre as carreiras profesionais, sobre todo das mulleres. Ademais, lóxico será que que o cambio climático incremente a incerteza sobre todos estes factores, consecuencia da actividade humana, impulsando como mecanismo de corrección racional a redución da poboación nas múltiples xeografía da Terra.
O propio Banco Mundial prevé que a fertilidade a nivel planetario diminúa cara final do presente século para situarse por baixo da taxa de renovación natural. Matematicamente, a partir dese momento a poboación mundial reduciríase. Mágoa é pero a natalidade vai en caída libre. Abofé.