Foi como unha enorme tronada. Metía medo aos máis valentes, axeonllaba a aqueles homes dereitiños e tesos como a aguillada de chamar as vacas. A treboada xa estaba en marcha, con tronos e alustros a esgalla. Era grande e imparable o sufrimento e moi significativo o desdén que se agarraba coas propias mans. Era o non permanente e constantemente apoiado polos cadros de mando. Era un sen vivir, aquí unha cousa e alí outra, a contraria desta. Pero en tódolos casos, o non como bandeira, como reafirmación da propia razón, como expresión brillante e colaborativa. Así é: Non, non e non!
Os que non participan na gobernanza están prendidos ao non. Nun lugar din non os mesmos que noutro lugar da mesma terra nosa, escoitan o non dos outros. En Madrid, non; en Santiago de Compostela ou en Palas de Rei, non. Na Mariña, non e en Ferrol e na Coruña, igualmente, non. Non nas rías, á beira do mar, no interior e nas beiras dos ríos. Non á gratuidade das autoestradas e as vías férreas que non melloren, non! Os políticos poida que sexan os donos do non e os que máis escoitan dicir non. Mentres tanto, todo en sistema de agarda, esperando por esa raiola que non chega.
Pero non, non sempre expresa negación. Tamén pode servir para reforzar unha afirmación, si señor!. Hai casos nos que, como di a Tía Manuela, todos temos que estar co non. Non á fame, non á guerra, á inxustiza e non a esa sarabiada de oportunistas, mentireiros, embusteiros e hipócritas que antepoñen sempre os seus intereses aos da colectividade.
Non é non con razón, con reflexión e con contundencia. Non ao facer da xente que entende que só o seu pensar é o único correcto, desa xente que quere sempre loar o deles, unicamente o que eles fan, pensan ou din. Hai quen non entende de pluralismo e quen nega, mesmamente, a forza do coñecemento, esa arma que nos defende da ignorancia e que reforza os valores dunha sociedade que, por principios, ten que ser libre e dona de seu.
Entre estes valores cómpre referenciar e destacar a honestidade, a procura da igualdade, o progreso e a solidariedade, a xustiza e a convivencia, con respecto e tolerancia aos outros, a tódolos outros. Non se pode esquecer, amigas e amigos lectores, que o non pode ser tan respectuoso como o si e o si tanto como o non. Non si?
Din os teóricos que a honestidade é a condición que ten unha persoa que non engana e que di sempre a verdade, que actúa con sinceridade e mostra respecto cara aos demais e cara a si mesma.
Aí está, as persoas honestas, como todas as que vostedes coñecen, teñen decencia, defenden a xustiza social, son modestas e solidarias, falan con franqueza, entenden e comprenden a pluralidade de ideas. Cantas máis, mellor!