Oxímoro democrático

Oxímoro é, para o dicionario da RAG, un procedemento semellante á antítese, que consiste en pór en contacto palabras de sentido contrario que parecen excluírse mutuamente, pero que no contexto se converten en compatibles. Velaquí unha demostración incuestionábel. No Día Internacional da Democracia deste ano 2024, a ONU, con gran solemnidade, decidiu afondar nunha relación inesperada e chea de ironía: a democracia e a tecnoloxía actual da IA, co lema “a importancia da Intelixencia Artificial como ferramenta para a boa gobernanza”. O seu secretario xeral, cunha seriedade encomiable, proclamou que “a intelixencia artificial debe estar ao servizo da humanidade de forma equitativa e segura”. Se non fora polo elemental da afirmación, poderiamos crer que realmente algo cambiaría. Mais, desde un enfoque escepticamente sociolóxico, cómpre preguntarnos: está realmente a IA ao servizo da humanidade? E sobre todo, de cal humanidade?


De primeiras, a idea de que iso, que hoxe en día chamamos a Intelixencia Artificial, poida garantir equidade soa máis como unha fantasía futurista que como unha realidade presente. Basta con mirar ao noso arredor: algoritmos que privilexian certas persoas sobre outras, sistemas de recoñecemento facial con evidentes prexuízos raciais, ou, sen ir máis lonxe, a perpetuación de desigualdades económicas a través de decisións automatizadas. Estes sistemas están ao servizo da humanidade? Certamente, non. Si que están ao servizo dunha pequena elite que controla os fíos da tecnoloxía.


Cando falamos de democracia e IA na mesma frase, tamén convén recordar quen define os parámetros. Quen programa os algoritmos? Case sempre, son os oligopolios e grandes corporacións tecnolóxicas, que actúan sen transparencia nin control democrático. Estas empresas acumulan máis poder que moitos gobernos, con todo o aparello estatal, influíndo no comportamento electoral, na formación de opinións públicas e, por suposto, na vida diaria das persoas comúns. Polo tanto, debemos preguntarnos: se a intelixencia artificial xa está en mans de actores non democráticos, como podemos, abofé, confiar en que a súa utilización sexa “equitativa e segura”?


Por outra banda, a noción de “seguridade” cando se fala deste tipo de tecnoloxía tamén merece ser cuestionada. Estamos ante un mundo onde as decisións tómanse en base a enormes cantidades de datos persoais recollidos sen moito consentimento. Ese mecanismo de control, rotulado como IA, non só observa, senón que aprende, predí e, o que é máis perturbador, actúa sobre nós sen que moitas veces sexamos conscientes. A promesa de seguridade non é máis que unha venda nos ollos, un intento de tranquilizar á xente mentres as verdadeiras seguen a medrar por debaixo.


O lema da ONU ata soa ben, como tantas declaracións de intencións baleiras. Mais a realidade está lonxe de seguir esas palabras ben intencionadas. Naufraga na contradición. É un oxímoro de libro.

Oxímoro democrático

Te puede interesar