De pactos e teatros

tempo de Concellos. Dende o 28 de Maio o tempo pasou excesivamente rápido, para aqueles que intentaron estratexias e propostas para poder gobernar. E tamén excesivamente lento para os que xa tiñan armada a estrutura de goberno, dende o primeiro día, sen maiores problemas. Sendo todo igual para todos, nada sucede igual para ninguén. Hai pacto global de obrigado cumprimento, segundo marcan as direccións dos partidos a nivel Comunidade Autónoma. Pero sempre hai variables e intereses que fan diverxentes e disonantes as posturas. É certo que cada catro anos, asistimos a esta cerimonia de postas en escena afectadas. Un pouco aquelo de teatro, o teu é puro teatro, que cantaba Concha Velasco. Pero sempre conquistan o noso interese, e novamente sucumbimos a ese morbo de agardar unha solución, que pode ser a previsible ou que pode ser absolutamente inesperada. O guión leva días escribíndose; con diferentes papeis, con diversos roles, e incluso con regos retorcidos, pero que pretenden chegar ao mesmo sitio. Reunións secretas en lugares discretos. Propostas atrevidas, do estilo a ver si cola, que irán sendo matizadas fondamente en sucesivos encontros. Uns acoden coa esperanza de resolver dunha vez por todas e non marear máis a perdiz. Outros medindo, a ollo de bo cubeiro, ata onde estarían dispostos a ceder os seus posibles, novos, socios de goberno.  Pulsos prolongados que acabaran cedendo e acordando. A estas horas, xa están constituídos os Concellos. Houbo quen agardou ata o propio Pleno para decidirse. Sempre a épica do último minuto. Estamos no primeiro día da nova lexislatura. Unha oportunidade para facer mellores concellos, para impulsar infraestruturas,  equipamentos e políticas sociais, que melloren a calidade de vida da cidadanía. Hai moitos camiños ata sumar maiorías. E coa vantaxe engadida da obriga permanente de negociar e acordar, reducindo egos e ampliando a xenerosidade e o compromiso. 
Ti es a intensa emoción que permanece...
 

De pactos e teatros

Te puede interesar