A participación cidadá ten que ser real e non aparencial

Os procesos de participación cidadá na toma de decisións son moi importantes. Sempre e cando, loxicamente, se respecte o resultado deses procesos e a participación sexa real e non só aparencial.
Os Orzamentos Participativos son un exemplo do anterior. Abonda con examinar as contas do Concello para constatar que moitas das propostas aprobadas en exercicios anteriores están pendentes de executarse. Algunhas, ademais, arrástranse desde hai varios anos pese a seren dunha grande sinxeleza.


Mais, alén de respectar os resultados do proceso, cómpre mellorar tamén os mecanismos de participación para, entre outras cousas, evitar a exclusión da veciñanza menos familiarizada cos sistemas telemáticos e asegurar a equidade no reparto dos investimentos por barrios, evitando a marxinación dos que teñen menor poboación.


Porén, a participación cidadá non pode limitarse aos orzamentos participativos, que afectan, lembremos, a unha parte case insignificante do orzamento municipal.


É necesario, pois, impulsar as consultas populares en asuntos de importancia vital para cidade. De igual xeito é ben que se reúnan con máis regularidade os consellos consultivos, para que realmente sirvan de canle de participación do tecido social á hora de definir as liñas de actuación en cada área da acción municipal. 


Igualmente, debería contemplarse a existencia de Consellos de Distrito, concebidos como organos consultivos do Concello para concretar as liñas de actuación prioritarias nos distintos barrios da cidade, con participación das entidades máis representativas en cada un deles.


E é que non podemos perder de vista que no Concello da Coruña temos un Regulamento de Participación Cidadá obsoleto que non se axusta ás esixencias dos tempos actuais. Por tanto, é preciso modernizalo se realmente acreditamos na importancia de termos unha cidadanía formada e informada e que interveña de forma activa na toma de decisións sobre a vida da cidade. 
 

A participación cidadá ten que ser real e non aparencial

Te puede interesar