Pensións na encrucillada

Anda, o ministro do ramo responsable das pensións públicas e outras xestións colaterais, moi apurado en acadar un acordo cos axentes sociais que habitualmente se prestan a subscribir acordos en materia laboral para poñer ramo a segunda fase da reforma que, o Goberno español, ten comprometida co executivo comunitario dentro das políticas de axuste para minorar o gasto público. 
 

Tema de máxima transcendencia económica e social que fica nun segundo plano de atención no foco que sobre o mesmo teñen posto os medios de comunicación malia que nos parladoiros das televisións teñan sobrados minutos de atención os partidarios de recortes e tesoiras que ademais gozan do respaldo de estudos que a tal efecto presenta puntualmente do Banco de España, aínda que iso precisamente non forme parte da súa función natural. Velaí, alongamento da idade de xubilación, incrementar o número de anos da cotización para o calculo da pensión ate chegar a toda a vida laboral, modificación do índice de revalorización e outras fórmulas que sempre van polo lado do interese e dereitos das persoas traballador; nunca polo da forma de incrementar os ingresos, e nin facer mención a responsabilidade política de reintegrar o importe do peto das pensións, máis de sesenta mil millón de euros que o Goberno central utilizou indecentemente para as xubilacións.  Por iso, diante deste proceso que ameaza o principio de solidariedade e xustiza social que representou ata o presente o modelo de pensións públicas, o sindicalismo nacionalista galego vén de saír a rúa, mobilizando á clase traballadora baixo unha posición clara: As pensións non se tocan. Moito menos sabendo que a media das cobradas polos xubilados galegos están mesmo por baixo do salario mínimo interprofesional que xa non é moito que digamos; con perda do poder adquisitivo.
 

Vivimos máis anos de media, si. Toca un regueiro de xubilacións dunha xeración numerosa, si. Porén, as pensións son e serán consecuencia de políticas públicas. E se son e serán froito de políticas concretas, teñen saída e solucións políticas. É hora de abrir o horizonte de alternativas. Xa abonda de falsear o debate. As cotizacións á Seguridade Social son ingresos fiscais que deben axudar a crear unha sociedade máis xusta, equitativa e igualitaria. Ese é o camiño polo que circular.

Pensións na encrucillada

Te puede interesar