Pobreza evitábel

Chove na casa do pobre que na dos ricos non chove. Este refrán galego indica que a xente pobre sofre máis as consecuencias das adversidades que a xente rica, que ten máis recursos e protección. Socialmente, é unha crítica á desigualdade social e á falta de solidariedade dos poderosos. Elevado ao encabezamento poético no verso “ chove, chove na casa do pobre e no meu corazón tamén chove”. Comezo do poema “Inverno” de Celso Emilio Ferreiro no que o autor expresa a súa solidariedade coa xente pobre e oprimida, a que sofre a inxustiza, a fame e o frío. Por iso, este verso, “chove na casa do pobre”, é unha metáfora da súa situación de miseria e desamparo. Tamén reflicte o seu propio sentimento de tristura e dor polo seu país, nese tempo da longa noite de pedra, baixo a ditadura franquista. 


Reflexión, o antedito, que nos leva ao concepto sociolóxico dunha “economía falsa” que é a acción de aforrar diñeiro ao principio, pero que, durante un período de tempo máis longo, dá como resultado un custo maior gastado ou desperdiciado que o gardado. Base doutra consideración académica que coñecemos por “a teoría das botas de Vimes” que é unha valoración económica que explica como a pobreza implica gastar máis diñeiro a longo prazo que a riqueza. O termo foi popularizado polo escritor de fantasía inglés Terry Pratchett, en 1993, na novela Homes de Armas. A teoría baséase no exemplo dunhas botas de coiro de boa calidade que duran anos, fronte a unhas botas baratas de cartón que rompen pronto e hai que substituílas acotío. O “prezo da pobreza” impide á xente sen recursos poder comprar o ben de calidade, obrigada ao barato. Obvio é que non sempre é así, por veces o produto de marca branca iguala ou mesmo mellora ao das marcas. Porén “a can fraco, todo son pulgas”. 


Estamos diante do “ciclo da pobreza” que é o conxunto de factores ou eventos polos cales a pobreza, unha vez iniciada, é probable que continúe a menos que haxa unha intervención exterior.​ É un fenómeno no que as familias pobres quedan atrapadas neste estado polo menos tres xeracións, é dicir, polo tempo suficiente como para que a familia non teña devanceiros sobreviventes que posúan e poidan transmitir o desenvolvemento intelectual, social e capital cultural necesario para saír ou manterse á marxe da pobreza. 


Inxusta situación, alén fóra no mundo exterior, e tamén aquí, á porta da casa. Evitábel. 

Pobreza evitábel

Te puede interesar