Preguiza e paleoclima

A preguiza, entendida como a falta de ánimo ou disposición para realizar actividades, convértese nun fenómeno especialmente observable durante os períodos de vacacións, e máis acentuadamente nos veráns calorosos. Si, tamén neses que gozamos á beira da costa atlántica galega e máis aínda no interior rural do país. Sen unha actividade, présa dos horarios, a estrutura temporal da vida cotiá vese alterada. A rutina laboral e as obrigacións diarias disípanse, dando lugar a un espazo temporal caracterizado pola liberdade e a ausencia de responsabilidades inmediatas. 


A preguiza nestes períodos enténdese desde diversas perspectivas sociolóxicas. Comezando pola teoría do lecer, que di que as persoas buscan actividades que proporcionen pracer e relaxación. Con todo, cando o lecer convértese en inactividade extrema, pode derivar nunha sensación de letargo e apatía. Este fenómeno vese exacerbado pola calor extrema, que fisioloxicamente diminúe a enerxía e a motivación para realizar actividades físicas ou mentais intensas. Así, a preguiza tamén é unha protesta pasiva contra a presión constante da produtividade e do rendemento. Nunha sociedade que valora o traballo arduo e a eficiencia, ser preguiceiro pode interpretarse como unha forma de resistencia contra as normas sociais que impoñen un ritmo de vida esixente e acelerado. 


Aínda que a preguiza durante as vacacións, especialmente nos veráns calorosos, pode ser entendida como unha resposta natural á calor e un intento de desconexión das presións diarias, os seus efectos negativos sobre a saúde física e mental son significativos. Alarmante socialmente, de máximo risco, cando é metáfora da temeraria inacción dos que gobernan o mundo planetario. 


Velaí o paradoxo da inmobilidade preguiceira fronte á emerxencia climática, a pesar do vasto coñecemento científico dispoñible, resultando ser un feito que amosa fonda incoherencia que reflicte complexas dinámicas políticas, económicas e sociais. Os estudos sobre o paleoclima teñen achegado unha información detallada sobre a evolución climática ao longo de millóns de anos, revelando patróns, causas e consecuencias dos cambios no clima terrestre. Este coñecemento subliña a gravidade do quecemento global actual e os seus potenciais e letais efectos catastróficos. 

 

Para frear o quecemento global, é urxente reducir drasticamente as emisións de gases de efecto invernadoiro, mellorar a eficiencia enerxética en todos os sectores (...) promover a reforestación


Para frear o quecemento global, é urxente reducir drasticamente as emisións de gases de efecto invernadoiro, mellorar a eficiencia enerxética en todos os sectores, incluíndo a industria, o transporte e a edificación; promover a reforestación e a protección dos ecosistemas naturais para aumentar a absorción de carbono; acelerar políticas que incentiven a economía circular e a redución de residuos; e fomentar a cooperación internacional para establecer e cumprir compromisos vinculantes que limiten o aumento da temperatura global, acompañados dunha educación pública robusta que xere conciencia sobre a crise climática e as súas solucións. Nisto non caben vacacións. 

Preguiza e paleoclima

Te puede interesar