Pode ser que leran informacións ao respecto nestas páxinas. Volveu falarse do aeroporto coruñés de Alvedro por varias cuestións. Unha é que se trata da terminal galega que máis crece, xa a piques de alcanzar o millón de usuarios neste ano. Ben. A outra ten que ver coa proposta, difícil, de que Volotea instale aquí unha base, que demandan os moi militantes membros de Vuela Más Alto. Non me corresponde a min nesta columna debullar esa cuestión, pero si podo propoñer o debate de fondo, que como en toda política gobernamental depende sempre do mesmo: cartos.
Xa viron o titular. Quen lle quere mal a Alvedro? Ten resposta, pero iremos a modo. O certo, constatable, é que Aena, un ente público mercantil con sede en Madrid, xestiona o aeroporto. Pero, se un vai baixando desde o poder central resulta que existe un enorme baleiro ata chegar á única administración que tamén fai achegas serias á cousa, o Concello da Coruña. Falta alguén polo medio, verdade?
En Galicia temos tres aeroportos. E existe unha corrente de opinión que considera que son moitos, como se este país fose unha especie de minúscula e degradada illa que non os necesita. Falso. É o de sempre, reducir Galicia a Santiago, que segundo esta teoría debería exercer de aeródromo único, como xa o fai de capital administrativa. Centralismo. Os informes económicos, como o Ardán 2023, sinalan que case dous de cada tres euros que se xeneran nesta comunidade saen das áreas amplas da Coruña e Vigo. E dado que a aviación -aínda que vaia tendo a feliz competencia da alta velocidade ferroviaria- alimenta en gran medida a competitividade empresarial, liquidar Alvedro e Peinador significaría, simplemente, darlle trato de insignificancia aos principais motores desta nacionalidade histórica.
Fagamos a cinematográfica pregunta, desta vez sen resposta cómica senón indignante. Que fixo a Xunta de Galicia por nós? Cando falo de “nós” refírome a Alvedro (tamén Peinador pero vou centrar o tema no que me atinxe máis). A resposta é nada. O aeroporto da Coruña só conta cun dinamizador, que está no Pazo de María Pita, que achega importantes cantidades, con éxito internacional. Como saberán o presuposto do Concello da Coruña é moi limitado. O do goberno galego conta con moitísimas menos restriccións. Pero.
Alvedro non existiu para Núñez Feijóo. Tampouco parece que Alfonso Rueda saiba que existe. Non o pisou desde que é presidente da Xunta. Creo que nin pronunciou esa palabra. Outra, Lavacolla, o aeroporto de Compostela, gústalle máis. Non deixa de resultar significativo que o aeródromo compostelán anuncie recortes agora que remataron as subvencións polo ano Xacobeo, esas que seica non existen. Será unha casualidade, vaia. O que non o é, senón un desastre, é ter unha autonomía que non coida os seus grandes pulmóns, namentras mima ata a fartura outra cidade porque ten catedral.