O reto de Gómez Besteiro

Xosé Ramón Gómez Besteiro será nunhas semanas o novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, no que tamén exercerá de portavoz no Parlamento galego. Ninguén máis optou ao cargo en primarias, o que sinala ampla aceptación da súa figura como líder dentro do partido, a pesar do mal resultado obtido nas recentes eleccións do 18F. 


Non tivo tempo Besteiro para facerse cun oco entre dúas candidaturas, a dereita e esquerda, moito máis rodadas. Con todo, o seu prestixio persoal creceu, xera poucas dúbidas a súa idionidade para asumir o gran desafío que aparece por diante, o de devolver aos socialistas ao papel central que deben exercer na política autonómica, onde semella que unha alternativa ao PP encabezada polo BNG ten máis complicado facerse realidade, ante o moito que mobilizan os nacionalistas ao votante de dereitas. 


O PSdeG arrastra un longo problema cando actúa no eido autonómico. Xoga demasiado no marco dos rivais en vez de centrarse en difundir un de seu. Cando os adversarios o acusan de ser “un partido de alcaldes” están apuntando tamén a súa principal  calidade, doada de trasladar ao universo que xira arredor da Xunta. Ten que facelo. Os socialistas representan éxitos urbanos e o desexo dunha Galicia moderna que xa existe pero necesita un goberno que lle saiba extraer todo o seu potencial, non como agora. Esa é a súa fortaleza.   
Besteiro ten a capacidade para dirixir ese novo PSdeG, que presuma de modelo propio, distinto do inmóbil país de postal xacobea do PP ou da paralizante fidelidade do Bloque ao que pensaban señores de hai moito tempo, nunha Galicia que pouco ten que ver coa presente. Pero na campaña, algún dos spots socialistas teimaban nesa idea superada de Galicia, de orballos e envellecemento, que lles xoga en contra. Poidendo liderar o dinamismo, como fai no municipal especialmente en Vigo e A Coruña, non ten sentido actuar distinto no autonómico. 


O BNG soubo velo, intentou dar unha imaxe máis parecida a unha multinacional de moda que a unha pequena empresa do agro, e fóille ben. Non se trata de abandonar a ninguén, senón priorizar e saber ler a Galicia actual, non insistir na tradicional. 


Somos un país urbano, referencial en cultura ou tecnoloxía xusto onde gobernan os socialistas. Aí ten o seu músculo o PSdeG. 


Aí aparece un camiño de modernidade polo que transitar. Gómez Besteiro semella a persoa axeitada para facelo, xunto á súa extensa nómina de alcaldes e alcaldesas. Saíndo do marco conservador da autonomía, escapando da burbulla de Compostela e dirixíndose aos motores do país, especialmente o das cidades e as áreas Vigo/Pontevedra e Coruña/Ferrol, tan ausentes do relato autonómico. 


O PSdeG brilla no ámbito electoral local e estatal, pode facelo tamén no autonómico. Para iso cómprelle fuxir da imaxe purista de Galicia e propoñer outra, actual, a da identidade innovadora, a dos galegos de hoxe. Necesitámolo. 

O reto de Gómez Besteiro

Te puede interesar