A SAREB e a Política Municipal de Vivenda

Estes días coñecemos varias informacións en materia de vivenda que merecen unha reflexión. Dunha banda, 2021 pechou cunha suba récord do prezo da vivenda na Coruña. Un 10,7%. A quinta maior suba de todas as cidades do Estado español.


Deste xeito, o importe necesario para mercar unha vivenda de segunda man na nosa cidade incrementouse nun 14% nos últimos cinco anos.


Doutra banda, El Ideal Gallego informaba de que a SAREB lle vendera a unha empresa privada unha promoción de vivenda en Palavea. Así, cegábase a vía da cesión desas moradas ao Concello e impedíase que a Administración local puidese engrosar o Parque Municipal de Vivendas en réxime de aluguer.


Cómpre lembrar que a SAREB, que posúe na nosa cidade distintos inmóbeis, é unha sociedade cunha participación pública maioritaria e que foi creada para axudar a sanear a banca, asumindo a xestión dos seus activos inmobiliarios tóxicos, aqueles que foran xerados durante os tempos da burbulla inmobiliaria.


É vergoñento que o rescate bancario o tivésemos que pagar todos, co custo aparellado de grandes recortes sociais, e que ese diñeiro non teña agora un retorno para a sociedade.


E é igualmente vergoñento que, mentres moitas persoas non teñen posibilidades de acceder a unha vivenda, unha sociedade controlada polo Estado destine os seus activos inmobiliarios a facer caixa.


Como tamén é un contrasentido que, ao tempo que isto sucede, nos orzamentos municipais se teñan que consignar máis de dous millóns de euros a mercar bens inmóbeis e soares para ampliar o parque municipal de vivendas.


En maio de 2021, o Pleno do Concello da Coruña acordou, a instancias do BNG, instar o Goberno Local a negociar coa SAREB a cesión das súas propiedades inmobiliarias na Coruña para as incorporar a unha bolsa de vivenda pública municipal en réxime de aluguer.


O verdadeiro peso do Goberno municipal en Madrid mídese en acadar cousas tan elementais como esta.

A SAREB e a Política Municipal de Vivenda

Te puede interesar