Estamos necesitados de silencios. A reflexión é un exercicio intelectual, que se practica no noso magma interno, onde todo precisa de calma e de silencio, para asentar ideas, cambiar puntos de vista e deseñar as nosas posicións e os nosos movementos.
Chegan demasiadas cousas, dende tantos ángulos e tan elaboradas, que acabamos por pensar que non poden ser inocentes. Vivimos en sociedades abertas nas que a diversidade de oferta, de opinión e militancia é, non só unha característica, senón un dereito que, xunto coa tolerancia e o respecto ás regras de xogo, fixeron grandes ás democracias occidentais.
Pero levamos tempo asistindo a unha degradación interesada da convivencia política.
O Trumpismo fixo da manipulación da verdade e da posta en dúbida de resultados electorais, un motor que activa e aglutina o descontento de calquera tipo, e provoca ataques desaforados aos grandes símbolos da representación do pobo como son os Parlamentos.
Esta suma de negacións da verdade -dende o cambio climático ata as pandemias- xunto coa canalización deste ideario a través de canles mediáticas potentes e con chegada, constitúen unha
auténtica epidemia que se estende por todo o mundo.
En todos os países xorden agora aprendices de bruxo, que articulan mensaxes idénticos baseados nas mesmas estratexias: negacionistas das realidades que a ciencia certifica; revisonistas das leis legalmente aprobadas e deslexitimadores de gobernos lexítimos. As crises e as dificultades dunha
parte importante da sociedade, son os seus caldos de cultivo.
Non se valora igual a verdade e o traballo dos que solventan problemas, e as bravuconadas e boutades dos que viven de rendas e manipulacións, enlodando o campo de xogo. Vivimos rodeados de demasiados ruídos. Precisamos dos silencios protectores e creativos. Son tempos de campaña electoral. Tempos de oportunidade para ilusionar á cidadanía. Tamén de esperanza para axudar a facer pobos mellores. Logralo, sempre dependerá de nós.
Gardo de ti un verso e un aroma...