Cantas persoas saben das caricaturas, da vea humorística ou das semanais consideracións gráfico-tipográficas de Siro López quedarán gratamente abraiados ao visitar a súa exposición recén inaugurada na sala Kiosco Alfonso. Pouco ou nada da obra máis coñecida do artista ferrolán encontrarán nesta mostra chamada “Siro. Oitenta e un anos e un lapis”. Unha cousa era saber que Siro pintaba e outra, ben diferente, é ter acceso aos resultados desta faceta menos coñecida. Doce apartados compoñen esta mostra na que conviven estilos, procedementos e técnicas moi distintas, que deixan ao descuberto o dominio ecléctico do seu autor. Un amplo e heteroxéneo abano que non deixa insensible a ninguén. Unha numerosa obra pictórica na que compiten os retratos, entre os que non faltan os do propio autor, os dedicados a persoeiros como Blanco-Amor, Picasso e Ramón Piñeiro, dos que tamén se inclúen caricaturas, que aborda con diferente trazo; excelentes resultan tamén os temas de contido erótico, os de carácter fantástico, as paisaxes e bodegóns; admirables as minuciosas tintas expresionistas da serie “Os pecados capitales”. Unha exposición máis do que completa, na que o artista plástico se autoobserva tamén ante o cabalete na ditriba do proceso creativo, ademais de nos deixar unha nota de humor nunha pequena pantalla na que se suceden motivos diversos da andaina política galega. Moitas grazas, Siro, por esta espléndida aportación ao mundo das artes plásticas.