A tiranía do reloxo

Coa rutina de hábitos ancorados en décadas pasadas, vimos una vez máis de mudar as agullas do reloxo para inaugurar o considerado horario de verán. Cos trebellos tecnolóxicos actuais, o das agullas é xa unha referencia arqueolóxica. O asunto ten voltas. Abofé, moitas para benestar persoal e social.

 

O cambio de hora foi unha práctica estendida coa intención de aproveitar mellor a luz natural e reducir o consumo de enerxía. Con todo, os datos cuestionan a efectividade desta medida, sinalando que os aforros enerxéticos son marxinais ou inexistentes. Ademais, o cambio de hora ten efectos adversos na saúde humana, alterando os ritmos de vida e afectando o soño e o benestar xeral. A interrupción dos patróns no durmir leva a unha diminución na produtividade e a un aumento nos accidentes laborais e de tráfico. A persistencia desta práctica, a pesar da evidencia que cuestiona a súa utilidade, levou a que pola Unión Europea, se acordase eliminar o sistema actual e manter un horario constante durante todo o ano. Esta iniciativa busca aliñar as políticas coas investigacións actuais e mellorar a calidade de vida da cidadanía. O proceso, con todo, vai lento e trae frustración pola inercia dos gobernos estatais.

 

Alén disto, as medidas de racionalización de horarios laborais semellan estar en dique seco, fóra da axenda política no ámbito español. Nisto, as realidades europeas son moi diversas. Así e todo, na sociedade actual, a conciliación entre a vida laboral, persoal e familiar converteuse nunha quimera para moitos traballadores.

 

Para o mercalo pouco importan os compromisos e mesmo o escrito na normativa laboral. Os horarios extenuantes, a cultura de presenza nos centros e a conectividade dixital sen tregua xeran un escenario onde o tempo persoal dilúese nas esixencias do traballo. Esta situación, lonxe de ser un problema individual, ten graves consecuencias no benestar persoal, a saúde mental e a cohesión familiar. O mercado laboral actual continúa a ser un escenario hostil para a conciliación. As longas xornadas laborais, a falta de flexibilidade horaria e a presión por cumprir obxectivos inalcanzables son algúns dos principais obstáculos para conciliar.

 

A precariedade laboral limita aínda máis as posibilidades das e dos traballadores de ter un control sobre o seu tempo. Aínda impera a idea de que o traballador que máis horas pasa na oficina é o máis produtivo. O estrés, a ansiedade e o “burnout” son cada vez máis frecuentes na xente traballadora, derivando en problemas físicos e psicolóxicos. É necesario un cambio de paradigma no mercado laboral para que a conciliación deixe de ser unha utopía e convértase nunha realidade.

A tiranía do reloxo

Te puede interesar