A trama do esquecemento

Un proverbio africano constata que “ata que o leóns teñan os seus propios historiadores as narracións das cacerías continuaranas a escribir os cazadores”. Sentencia inapelábel que contén unha metáfora do artefacto que representa a Historia relatada como un dispositivo ideolóxico que garante a continuidade da dominación do poder e o mantemento da orde que convén á clase dominante. Lembremos que as “teses sobre o concepto de historia” foi o último escrito filosófico e político de Walter Benjamín, 1940, consideradas como un dos textos filosóficos e políticos máis importantes do século XX, elaboradas no medio do ascenso do nazismo. Este texto inacabado, podería considerarse como un tratado á memoria das vítimas. O autor, en efecto, propón unha lectura da historia que busca mirar á historia desde o prisma dos vencidos; porque, entón, a historia escribiríase doutro xeito, tería outro libreto, actuarían outros protagonistas, describiríanse outros proxectos, narraríanse outros soños. As teses son unha innegable esixencia de xustiza e reparación ás vítimas da violencia, aos excluídos sociais, contra quen se impuxo a inxustiza; onde se propón realizar unha nova lectura da historia. Unha posibilidade de xustiza para os excluídos aos que nunca se lles fixo xustiza, posto que a memoria convértese nun exercicio político capaz de anticipar grandes cambios sociais. A memoria é indubidablemente unha acción redentora e un exercicio ético. É a conciencia dos pobos na loita pola xustiza e a vida. A memoria é unha ferramenta de loita contra a violencia do esquecemento e á súa vez un referente ético garante de redención, verdade e xustiza. 


Véxase, senón, a dinámica coa que se está a recordar o cincuentenario do golpe militar que derrocou o goberno democrático de Salvador Allende. A chilena, como outras sociedades latinoamericanas, está afectada por duras disputas ao redor da memoria histórica, preñada de batallas culturais. Controversias contra da autoridade e do rigor experto cuxo traballado vese deslexitimado ou esvaecido polos revisionismos e a ofensiva das memorias. E é que a innegable dimensión política da historia convértea nun terreo propenso ás loitas pola hexemonía e o poder. É a mesma estratexia que no ámbito español xogou á contra das posibilidades dunha lei de Memoria Democrática que xa naceu lastrada por unha visión transaccional, falta de crítica e idealizada da Transición. Necesitamos que se siga cultivando unha historiografía xusta coa memoria das vítimas da represión franquista, da Galiza Mártir, unha historiografía que entenda a memoria como o facía Walter Benjamin, como unha ferramenta para loitar contra a violencia do esquecemento.

A trama do esquecemento

Te puede interesar