Tutti fratelli

O 8 de maio celébrase o Día Mundial da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella. O obxectivo desta efeméride é recoñecer o encomiable labor de voluntarios e profesionais que todos os días salvan vidas, axudan aos máis desfavorecidos e cambian mentalidades. Trátase da rede humanitaria máis grande do mundo. Conta con persoal que desde as comunidades axudan ás persoas máis necesitadas e vulnerables, aquelas que viven en países con poucos recursos sanitarios e económicos, as que sufriron de primeira man algunha catástrofe climática ou como consecuencia de guerras, refuxiados e desprazados. Tamén actúan nas cidades, nos espazos máis marxinados.


Xa que logo, o voluntariado e a acción humanitaria da Cruz Vermella son dous conceptos que se relacionan estreitamente. O primeiro é a expresión da participación libre, gratuíta e desinteresada das persoas no labor humanitario desta ONG que se basea nos seus principios fundamentais de humanidade, imparcialidade, neutralidade, independencia, voluntariado, unidade e universalidade. E, pola outra,  acción humanitaria é o conxunto de actividades que realiza esta institución para previr e aliviar o sufrimento humano, protexer a vida e a saúde, e garantir o respecto á dignidade das persoas afectadas por situacións de emerxencia, conflito ou vulnerabilidade.


Botando unha ollada á historia desta entidade que suma máis dun século e medio de existencia, o primeiro comité formouse en 1863 e adoptou o emblema que lle dá nome, cruz vermella sobre fondo branco. Ao ano seguinte, asinouse o Convenio de Xenebra, que estableceu as normas para protexer aos feridos, os enfermos e os prisioneiros de guerra. Así naceu o Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella hoxe presente en preto a douscentos países.


Malia todo, a xénese contada atribúe o xerme da iniciativa a Henry Dunant, banqueiro suízo que, mentres se dedicaba aos seus negocios en Alxeria, viaxou ao Norte de Italia no mesmo momento en que alí se enfrontaban os exércitos austríaco, francés e piemontés. Visitou o campo de batalla de Solferino, onde estaban guindados corenta mil soldados abandonados á súa sorte. O financeiro veu morrer a moitos deles sen asistencia de ningún tipo; e, axudado por xente das poboacións próximas, dedicouse a socorrelos e atendelos, sen importar de que bando eran, usando o lema “Tutti fratelli” (Todos irmáns) acuñado polas mulleres da contorna. Quedou tan impresionado por esta experiencia que anos despois publicou as súas reflexións para axudar en situacións O parecidas, nun libro que sentou as bases deste impagable movemento humanitario. 

Tutti fratelli

Te puede interesar