Unha ferramenta para o impulso da cidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey ven de anunciar o acordo coa Marea Atlántica para a aprobación dos Orzamentos municipais deste ano. A Coruña terá uns orzamentos claramente expansivos pensados como unha potente ferramenta de dinamización económica nun momento tan delicado como o actual, pero tamén como un paraugas que amplíe o escudo social co que conta este Concello para apoiar a quen máis o precisa. Uns orzamentos dotados con 309 millóns de euros, cun incremento do 19% sobre os do ano pasado.


Son uns orzamentos deseñados para o momento que estamos a vivir, un ano no que as Administracións temos que facer un esforzo especial para deixar atrás a pandemia e atallar os seus efectos en todos os ámbitos. O incremento do gasto social nun 12,3% permitirá dar cobertura ás persoas que máis o precisan, e os 57 millóns de euros destinados a investimentos contribuirán á dinamización económica da cidade, mais tamén axudarán a transformala nun lugar cunha mellor calidade urbana e con máis servizos.


Son tamén unhas contas pensadas para deseñar o camiño que como sociedade temos que percorrer cara un futuro máis responsable no coidado do medio, por iso poremos en marcha medidas innovadoras na loita contra o cambio climático promovendo a transición ecolóxica.


Uns orzamentos que darán cobertura real ás políticas de vivenda, que ampliarán as políticas sociais mellorando a atención ás persoas cun notable incremento do gasto en servizos como Axuda da Domicilio e actuando por primeira vez noutros ámbitos como o da saúde mental, afondando no feito até o de agora en áreas como a atención á mocidade e a igualdade e diversidade, entre outras.


Son as contas que precisa a cidade, as contas que permitirán ao goberno aumentar sensiblemente o seu investimento nos barrios e poñer en marcha moitos proxectos de mellora así como culminar outros xa en marcha. Son 309 millóns de euros, superando en máis de 50 millóns de euros a contía do orzamento ata agora en vigor, unha diferenza que se investirá integramente na mellora e modernización desta cidade e dos seus servizos.


Os orzamentos son a ferramenta máis importante que ten un Concello para actuar sobre o terreo, e hoxe podemos dicir que en marzo teremos unha potente ferramenta para facer da Coruña unha cidade aínda mellor, porque estes serán os orzamentos que permitirán impulsar a nosa cidade no momento no que máis o precisa.

Unha ferramenta para o impulso da cidade

Te puede interesar