Ver a eternidade

A ciencia e científicos relevantes andan na procura dun achado que permita que a humanidade non envelleza co paso do tempo ou, cando menos, que o envellecemento sexa máis lento. Queren descubrir que pasa e poñer remedio onde se poida. Pero aínda se sabe pouco e algúns non saben (sabemos) nada. Ao parecer os órganos do corpo teñen capacidade para rexenerarse, pero co tempo prodúcense moléculas que o impiden e así, aínda que sexa cunha velocidade sete veces menor que a dos cadelos, os homes van envellecendo, ano tras ano.

Agora o mundo da opulencia e da riqueza pon os cartos para que un grupo de destacados científicos traballen no eido da biomedicina e consigan rexuvenecer as células para que se poida vivir máis anos. Cun orzamento de cerca de tres mil millóns de euros, un reducido grupo de multimillonarios crearon unha empresa e contrataron aos mellores, entre eles catro que foron gañadores do Premio Nobel, para estudar a forma de rexuvenecer as células e alargar o período de vida das persoas.

Entre os científicos contratados por este laboratorio está Juan Carlos Izpisua, experto no campo da bioloxía do desenvolvemento e quen estima que “en poucos anos poderase previr o envellecemento”.

Todo será diferente, poderanse deter ou exterminar as enfermidades graves, prolongarase a vida e, xa que logo, retrasarase a morte. Con cartos, con saber e investigación, poderáselle dar a volta ao mundo, que boa falta lle fai.

A vida, os anos de vida e a calidade de vida son ben distintos segundo o país onde naces e moras e tamén segundo o sexo. As mulleres teñen unha esperanza de vida superior aos homes. As estatísticas apuntan a Hong Kong e a Xapón como os países onde a poboación é máis lonxeva, 88 e 84,9 anos respectivamente para as mulleres e 82,9 e 81,6 para os homes.

En Galicia a esperanza de vida é de 83,7 anos de media entre homes e mulleres, cifra superior á que se dá na maioría das rexións de Europa.


O avance que presaxian as investigacións en marcha é incerto, pero é posible. Chegará un día no que os vellos volvan a ser mozos e sexan mozos sempre; as nais e as avoas serán mozas por moito tempo e cando cheguen a vellas, volveranse mozas. Os que mandan seguirán ordenando o retardo da morte ata ver cos seus ollos a eternidade, como quen ve a raia do horizonte no mar. A Tía Manuela treme con isto.

Ver a eternidade

Te puede interesar