Que en 2022 e precisamente inmersos na guerra de Ucraína se poña en cuestión a OTAN, con motivo da celebración dun encontro en España da Alianza Atlántica, é unha mostra do fráxil que é a nosa memoria como país.
Pero que un dos que o faga sexa o socio do goberno que consegue un recoñecemento da OTAN tan relevante como que se celebre no noso país un Cumio por segunda vez na historia, e que lidere as protestas baixo a premisa “OTAN no” resulta aínda moito máis incomprensible e sorprendente.
Volven “os do Non” e como sucede case sempre con este tipo de posicionamentos non coñecemos cal é a alternativa que propoñen a formar parte desta organización.
Ninguén debería dubidar a estas alturas de que a relación de España coa Alianza Atlántica é unha historia de éxito que precisamente este ano celebra o seu 40 aniversario. 40 anos de seguridade, de modernización das nosas forzas armadas e de estatus internacional que non podemos esquecer nen botar por terra.
Hoxe sabemos que a defensa do sí no referendo da OTAN en 1986 por parte de Felipe González foi un acerto estratéxico e que a posición de Alianza Popular foi unha irresponsabilidade. E por este mesmo motivo deberiamos saber tamén que a celebración deste cumio en Madrid reforza o noso posicionamento como socio sólido para a seguridade euro-atlántica e como aliado na consecución da paz.
A OTAN ten sido, e segue a ser, o elemento central da nosa defensa colectiva mais tamén o instrumento indispensable para a consecución dun mundo máis libre e humano. Cuestionar neste momento estes principios básicos por parte de membros do goberno de España, resulta, cando menos, impresentable. Non se pode ser goberno pola mañá e oposición pola tarde.