Tiña na casa un gato, un can, unha cobra con pel de escamas, unha conexa raxada e tres galos de curral e de engorda. Tiña facenda na corte e veciños que lle axudaban nos labores propios dos campesiños que traballaban a terra para comer e dar de comer. Era un home bo, un bo marido, un pai normal e un fillo de nai solteira, de María, a Ferreira da Carrasqueira. Nai solteira e aldeá, muller traballadora, de enorme fermosura nos ollos, dozura e bondade, como son hoxe a maioría das nais mozas, estudadas e traballadoras.
Ela, a súa nai era unha adiantada para seu tempo, alentaba á veciñanza para que se puxese en pé fronte ás inxustizas, repartía libros polas casas da aldea e escoitaba o parte na radio, mentres cosía a roupa dos meniños. Repartía cariño e comida da que ela cociñaba, falaba coas veciñas que ían para a fonte ou coas que viñan con ela da seitura, cos homes que mallaban na eira e cos que ían co caixón ao lombo, ou no lombo da mula, comprando farrapos e vendendo quincalla.
Aquí nesta aldea e nas da redonda, “somos todos iguais -dicía-, somos xentes de fiar e confiamos uns nos outros, sen diferencias de nada, sen teorías e sen buscarlles tres pés ao gato”. “Somos quen somos, engadía, e temos orgullo de ser o que somos”. Os homes e as mulleres, os nenos e as nenas, os mozos e as mozas son todos iguais e todos diferentes. Son veciños cumpridores, solidarios e comprometidos co respecto absoluto a cada un dos outros, a cadansúa forma de pensar, de facer, de andar, de mirar, de amar e de vivir.
Iguais e diferentes son os veciños de tódolos lugares do mundo. Aínda que falen distinto, que recen a distintos deuses, que teñan cores distintas na súa pel e paisaxes distintas para mirar nalgún instante, son todos iguais e todos mortais. Polo tanto, permitan amigos lectores, que este breve texto sexa un berro grande en favor da liberdade das persoas e dos pobos. Un berro na procura da equidade, con aprecio á diversidade.
A ONU celebra, por primeira vez, o Día Internacional da Muller o 8 de marzo de 1975, dous anos antes de ser oficialmente proclamado pola Asemblea desta organización, que traballa para manter a paz e a seguridade internacionais, para protexer os dereitos humanos e fomentar o desenvolvemento sostible. Magnífico!
A Tía Manuela comparte todos estes falares e dicires de organizacións sociais, sindicais e políticas, e das persoas que tanto falan e calan, en defensa da igualdade, para tódolos días e para sempre, que “xa é hora”.