Xornalistas de onte e hoxe

Nin baixo os efectos da máis caníbal droga sería eu capaz de meter nun follón a esta casa, así que non se preocupen, o artigo deste sábado non ten nada que ver coa campaña electoral nin perturba o día de reflexión, que a min me sobra, xa sei a quen vou votar. Así que imos a outro tema, que tamén é un do que tratamos neste espazo con certa frecuencia: o xornalismo. O que nos levará a falar do tempo.  
Lin estes días unha magnífica novela, desas que son máis realidade que ficción pero tampouco poden considerarse reportaxes longas. Fálolles de ‘Los Inculpados’, do xornalista catalán Ignacio Orovio. Está baseada no seu traballo durante os durísimos días do 11M, aquel salvaxe atentado do integrismo islámico que asasinou en Madrid a case 200 persoas e feriu a máis dun millar. En menos dun mes cúmprense 20 anos daquela terrible data, polo que non será o único libro que se publique sobre o asunto, o que me parece ben, debe lembrarse aquel horror, en tantos sentidos.  Orovio era corresponsal de La Vanguardia en Madrid, e narra na novela como foi o seu labor durante eses axitados días. A min non me tocou nunca cubrir de xeito profesional un atentado, ou unha desgraza, de tamañas dimensións, pero entre xornalistas máis ou menos veteranos todos sabemos ou falamos con quen si, o que nos ten ilustrado sobre a capacidade dos e das periodistas para traballar en medio da máis absoluta conmoción, como sabemos nos últimos anos tamén por Ucraína ou Palestina. Ou, a un nivel cen mil veces menor e permítanme destensar a cousa cunha brincadeira, polo Deportivo. 


En todo caso, alén do magnífico relato que contén ‘Los Inculpados’ houbo algo que me chamou, de forma persoal, a atención e me trouxo moitas lembranzas. Porque daquela, hai dúas décadas, as prioridades do xornalismo, e á súa vez da vida, eran distintas, menos aceleradas. Orovio tiña todo o día para escribir as súas crónicas e para traballalas, porque só se debía á nocturna hora de peche da edición de papel, a que mandaba. Non vivía atado ao whatsapp nin ao dixital, que se limitaba a replicar teletipos. Seguramente, por iso puido entendelo (case) todo sobre aquela barbaridade e os delirios de quen a cometeu. Con outras funcións á vez, sería moito máis complicado que nos brindara tanto coñecemento. Aí hai un asunto a pensar.  Pero non se trabuquen. Eu non quero volver a aqueles tempos, nos que xa traballei e onde seguro que había máis horas pero menos posibilidades. Ningún interese aquí en retornar a anos menos tecnolóxicos, que os vivín e non vexan a enorme lata que daba buscar fotos mirando negativos ou depender dun fax que apenas se lía. O progreso chegou para quedarse e está ben. Outra cousa é que nós, os medio maiores, levemos no sangue o respecto á lentitude, ao pouso do papel, a que moitas veces a mellor información fáise sen mirar Twitter durante horas. Con confianza no xornalismo propio. 

Xornalistas de onte e hoxe

Te puede interesar