Sada afianza neste 2024 unha das principais liñas estratéxicas da labor de goberno marcada polo alcalde, Benito Portela: a mellora da rede de saneamento nas distintas parroquias. No orzamento xa se contemplaba un aumento das partidas desta área e, toda vez o expediente do remanente conte coa aprobación da corporación, o Concello poderá reforzar estes traballos levando os investimentos a máis zonas do municipio.
Unha das actuación fundamentais estará centrada nos pozos de bombeo. Sada conta en total con case medio cento destas infraestruturas imprescindibles para o correcto funcionamento do sistema de saneamento. Neste apartado contémplanse investimentos por valor de 50.500 euros en Mondego, na Pedreira, Mandín, Igrexa Carnoedo, Arnela, naves de Coiro e Lácere/Lamela.
A este importe haberá que sumar outros 90.000 euros para actuacións en distintos puntos da rede no casco urbano que requiren de intervencións fundamentais para manter a calidade das nosas augas. Nalgúns caso, coma a obra prevista na rúa da Fonte, trátase de actuacións inaprazables debido á rotura da infraestrutura existente.
Entre os proxectos que recolle o documento elaborado polo Goberno local tamén se atopa a dotación de auga e saneamento no camiño de Quintán que leva á pista polideportiva, na parroquia de Mondego. Neste caso a ampliación da rede de servizos públicos calcúlase en 24.000 euros.
Por outra banda, o Executivo local tamén tramita a adquisición dun novo camión de saneamento que substituirá ao existente, dada a antigüidade do mesmo e as dificultades mecánicas que presenta, o custe estimado ascende a 220.000 euros; tamén un novo camión-grúa para mellorar a dotación do departamento de servizos.
Outro dos investimentos que impulsa o departamento de Obras e Servizos e Medio Ambiente é a adquisición de mobiliario urbano por valor de 30.000 euros.