Ten unha enorme doenza no peito, na perna e nun dos xeonllos. Dóelle a cabeza con frecuencia, altéraselle o ritmo cardíaco e vai de mal en peor. Cando era mozo pensaba nas alturas e agora, aos seu anos, todo canto ve é fume. Fume na política, no monte, na chaira, na academia e en tódalas beirarrúas polas que tanto lle gustaba pasear e recadar parabéns. Fume e nada nas plataforma creadas, nas contornas de espazo próximo, nas accións de cada día, nos medios de comunicación e na listaxe de interlocutores, aos que ninguén ve. Agora esta só, unicamente lle quedan as doenzas que nunca paran e que, pola contra, agrándanse.
El e outros e outras están agardando que a mocidade cambie os andares, pero, coa velocidade do tempo e coa implantación das novas normalidades, todo se observa perigosamente arrepiante ou horripilante. Que máis dá! Xa ven, “á vellez, viruelas, pastillas e residencias apartadas”. Moitos temos na memoria un poema de Saramago, no que rexeita os tópicos e os refráns e que serve de alento para as persoas maiores: “¡Tengo la edad que quiero y siento! / La edad en que puedo gritar sin miedo lo que pienso”.
É unha enorme fortuna esa ausencia de medo, esa liberdade que cómpre conseguir para todos os integrantes da sociedade, por novos que sexan, por moito que traballen e/ou desfruten, aínda que sexan maiores, vellos ou xubilados, traballadores asalariados ou empregados precarios, novos ou vellos, mozos ou mozas.
Moitas das persoas, antes de chegar á vellez, rexéitana. Que pasa? Hai razóns obxectivas para desaproveitar o coñecemento e a sabedoría que proporciona a experiencia e o traballo? Probablemente non se vexan, pero no fondo, mesmo no fondo da cuestión, hai quen non quere saber nada dos seus maiores. Quen son? Quen son os nosos maiores? E, quen somos nós?
O mestre formidable, o carpinteiro responsable, o ferreiro de ferro doce, o investigador que pescuda e mesmo quen escribe, predica, canta ou fala, os docentes, os sanitario e moitos máis son unha boa parte de nós e de vós. Os traballadores, os agricultores, gandeiros e labregos, os maquinistas, repartidores, intelectuais e os mariñeiros que quedan son nós. Os que mandan son eles, xunto cos que só pensan neles, nos intereses deles e no capital deles. Xa que logo, eles ou vós e nós.