Un grupo de 149 alumnos residentes nas comarcas galegofalantes do Bierzo e de Sanabria, xunto con 11 profesores e profesoras de 12 dos 18 centros remataron onte a visita de estudos que os trouxo a Galicia para achegarse de primeira man á lingua e a cultura galegas. Trátase de colexios, centros rurais agrupados e institutos adscritos ao Programa de Promoción da Lingua Galega das referidas zonas castelo-leonesas que está enmarcado no Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiunos ao mediodía en Vigo e animounos a “seguir perfeccionando os seus coñecementos lingüísticos e culturais do galego para así reforzar este programa que chegou en 2017 aos 15 anos en activo como medida de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicianestes territorios galegofalantes do exterior”. O alumnado tivo oportunidade de visitar o pasado xoves a cidade da Coruña e algúns dos seus emprazamentos máis emblemáticos, como a Torre de Hércules, o Aquarium Finisterrae ou a Domus; e onte fixeron o propio a cidade olívica.. Nestas paradas, participaron en obradoiros, actividades deportivas e de lingua, visitas guiadas e noutros actos culturais.
Grazas á colaboración iniciada no ano 2001 entre os dous gobernos autonómicos, ampliada coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre ambos en 2006, actualmente estudan materias de ou en galego preto dun milleiro de alumnos e alumnas no ensino primario e medio en centros de León e de Zamora.
Para alén das aulas, o alumnado ten a oportunidade de afianzar os seus estudos de galego con actividades complementarias que inclúen visitas de estudos a Galicia, apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación, como a feita por este grupo de alumnos e profesores este curso para favorecer que os rapaces coñezan de primeira man moitos dos enclaves de interese patrimonial e lingüístico da comunidade galega..
O alumnado que segue o programa distribúese, no caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián.
No tocante aos institutos de Ensino Secundario adscritos ao citado programa, estes son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virgen de la Encina. Na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada estudan galego no ano académico en curso máis de medio cento de alumnos e alumnas.