Estocolmo, primavera de 2014. Eloy Domínguez entérase de que hai un escola de cinema nos campamentos saharuís. Non o dubida. Apúntase como mestre voluntario e sobrevoa o continente.
En dous meses gaña unha lección de vida, por parte de chavales que tocan por vez primeira unha cámara: “O meu labor foi facilitar que eles fixeran a súa propia peli, que narrasen a súa historia”. Conta o director de “Hamada” que nas fins de semana saían a gravar, “eu tamén o facía para motivalos”.
Nesas semanas, empezou a interesarse polos coches, “decateime de que os automóbiles tiñan moita importancia na cotidianeidade do pobo saharuí. Ao cineasta lle pareceu algo paranormal porque as familias teñen coche, pero non os poden levar a ningures, o seu status político non lles permite saír.
Conta Eloy que moitos foron empregados durante o exilio para transportar a familias de Sáhara Occidental aos campamentos, mais no destino, aparcados, son unha especie de símbolo do status nun sitio onde non hai economía nin clases.
Os coches déronlle pé ao creador para falar de memoria, da familia e a identidade, da guerra. A que falasen do seu e isto non fixo outra cousa que estreitar os lazos cos saharuís, sobre todo, cos mozos, e con Zaara, en concreto, que con 20 anos, ten “unha enerxía desbordante e volcánica, e o soño de aprender a conducir, pero para iso ten que ter un coche e para compralo necesita cartos, e para ter cartos necesita un traballo”. “Hamada” segue a Zaara na súa teima por agarrar un volante. Malia a dureza do contexto e do lugar, Eloy asegura que “aporta moitisima luminosidade á peli, é arrebatadora nun escenario tan cru” porque o humor é un dos ingredientes principais deste retrato a un pobo de 150.000 almas atrapadas.
Dáse dun xeito espontáneo, “tal vez como un mecanismo de defensa, pero o seu humor é mordaz e enxeñoso”. A butaca empatiza cos rapaces, que son a segunda e terceira xeración que naceu nos campamentos: “O que saben da súa terra é o que lle contan os pais e avós, agora con internet poden ver imaxes do mar porque eles veñen do mar”.
En total levan 44 anos. E entre coches, Eloy aprendeu de mecánica. Recolleu o contraste entre os novos que queren “mercedes” e os vellos, que aprecian a rudeza dos “land rovers”.
Mentres, Zaara convértese en protagonista. Leva a batuta dun conto que ten segunda parte. Son as charlas e actividades paralelas que Eloy e compañía darán do que apenas se fala. No Pompidou en París, estarán cos rapaces dun instituto. A Galicia, ademais dos pases de hoxe ás 18.00 e 20.30 horas no CGAI, chegará ás salas en xullo e están traballando para que se proxecte nos concellos. E sexan máis os informados e menos, a desinformación.