O que empezou sendo unha presentación ao uso, converteuse nun espectáculo en maiúsculas co que Xacarandaina celebrará o sábado 40 anos con toda a parte musical do grupo ás 20.30 horas no teatro Colón. Participarán as pandereteiras, aquelas que no 81 sorprenderon por seren as primeiras en subirse como agrupación percusionista ao escenario.
Conta un dos fundadores, Quique Peón, que a formación se creou por unha necesidade musical porque foron “pioneiros na investigación etnográfica do baile tradicional de Galicia”, onde descubriron que “nas aldeas se bailaba máis con percusión que con gaitas”. Antes non había. Eles puxéronas enriba para acompañar á danza. Ademais, haberá cuartetos de gaitas, charanga tradicional e os Do fondo da barra, que é como lles chama Xacarandaina aos que regalan cantos de taberna. Tamén un coro de 40 voces e con todo “montamos un espectáculo que é un percorrido dos 40 anos, nos que estrearon moitas melodías, unhas se desbotaron e outras non”. En parte, quixeron recuperar para o directo as da cara b. Xunto ao evento, o colectivo saca ao mercado un recopilatorio con pezas das distintas décadas e tres últimas que corresponden ao 2018. Unha escolla entre máis de mil creacións que puliron ao longo dos anos.
Do feito, Peón recalca o labor de recuperación, de traballo de campo nas aldeas e vilas para situar en escena tal cal naceron, recreando os movementos que se facían, os protocolos e coreografías e o vestiario, a música, co fin de ser o máis fieis posibles á tradición, “que cada baile fora un trozo de historia”. Conseguírono e por efecto dominó, moveron os outros para reconstruír este patrimonio bailado. Onde máis pescudaron, conta Quique, foi na Coruña, pero sen pensar en provincias porque estas non son máis que separacions políticas. Quizais a forma de danzar vai máis por comarcas, mais nin sequera: “En Galicia de cinco en cinco kilómetros xa atopas cousas diferentes”. Foi tan diferente o que atoparon que de Arteixo a Caión xa había un mundo.
Xacarandaina rehabilitou bailes perdidos con moito rigor e cariño, e “funcionou e empezamos a gañar premios, a nivel nacional no programa Gente Joven e no eido internacional, recoñecéronos en Francia, Hungría, Eslovaquia...”. Seguen peiteando o terreo porque “Galicia é moi grande. O que pasa é que os informantes son menos”. Isto fai que a investigación sexa a contrarreloxo.
Serán pois máis de 50 artistas entre pandereteiras, músicos, cantareiras e coro que confirmarán o sábado un corpus que foi quen de fabricar paseniño nunha esquina do mapa na que hoxe pululan máis de 1.000 socios. De aquí saiu unha gran canteira con referentes como Quique e a súa irmá Mercedes, Bieito Romero, Ses, Radio Cos ou Xabier Díaz.