O teatro Rosalía aposta pola danza nun ciclo “TRC Danza” que dispensará ata o mes de decembro un total de catorce espectáculos que se poderán incrementar a medida que pase o tempo e que situarán á butaca diante de todo tipo de estilos.
Contaba o director do auditorio, Paulo Rodríguez, que á hora de programar o apartado trataron de traer montaxes descifrables para achegar ao gran público a propostas que respiran do neoclásico como “Las criaturas de Prometeo”, que representará o 29 de setembro a compañía Plan B; do flamenco contemporáneo de Carmen Werner, que dirixe o 29 de decembro “Sollozo del hierro”, onde contan a través do movemento a relación de Miguel Hernández e Josefina Manresa, para pasar por iniciativas didácticas con profesionais coma Toni Jodar, que explicará a danza en outubro. Para esta en concreto, o IMCE lanza un desconto do 50% na entrada no caso de que o espectador adquira outra máis.
Deste xeito, o Rosalía convértese no único espazo que puxa por esta disciplina cun ciclo estable e unha visión de conxunto. Despois das dúas primeiras experiencias con “Tulipanes”, de David Loira, e “El Ansia”, de Javier Martín, onde os dous bailaríns xogaban na casa, o IMCE valorará a acollida do apartado de cara a establecer para o ano que vén un abono semellante ao teatral, que ten no Rosalía preto de 600 adeptos.
A súa vez, os espectáculos están incluidos dentro de subprogramas dependendo da súa temática ou das redes culturais das que forman parte. Paulo Rodríguez explicaba que se ben hai producións que veñen da man da Rede Galega de Auditorios como é o caso de “Tulipanes”, outros responden á actividade conxunta de distintos auditorios cos que colaboran e que fai que a Compañía de Danza Contemporánea de Cuba suba o xoves a 22 profesionais ao escenario para representar “Mambo”, para a que quedan preto de cen entradas á venda.
Dentro deste enxame de entes, están tamén as axudas do Estado como “Danza a Escena”, á que está suscrita o Rosalía por primeira vez e que aínda está por resolver polo novo goberno. O responsable cre que a subvención “irá polo bo camiño”, o que suporá, de ser aprobada, a financiación da metade do orzamento de seis das propostas, que sumaría un total de 15.000 euros. De non saír adiante, o IMCE encargaríase de pagar todos os custos.
Por outra parte, o mes de maio ofrecerá postas en escenas incluidas en “Danza integrada”, no que o contemporáneo servirá para introducir a persoas con discapacidade no mundo da interpretación como na obra “No me toques el secreto”, da compañía 5S, que lle dará visibilidade ao que leva traballando Carlota Pérez dentro do programa de Inclusión Social.
Isto dará paso a dúas montaxes nas que participa o Centro Coreográfico Galego. Por un lado, os espectadores poderán ver o 10 e 11 de maio “Gharbo”, coproducida pola compañía pública e Contra 2, que fusionan a danza tradicional coas novas formas musicais e de movementos máis experimentais.
Ademais, o CCG estará con “Aínda”, que se poderá desfrutar o 25 de maio. As entradas teñen un prezo entre os seis e os quince euros, cun 20% de desconto para os desempregados, xubilados e usuarios do carné xoven. Segundo Paulo Rodríguez, a danza non é un espectáculo de masas polo que para medir a resposta do público baixarán os baremos no sentido de que para o director do Rosalía, moverse entre 70 e 300 asistentes é positivo.