Estará ás 20.30 horas no teatro Colón para facer en “duetos” parte do que recolle o seu novo disco. Será un directo por tanto de Emilio Rúa, pero tamén de Rebeca Jiménez, Rosa Cedrón, la Shica e Josele, que se puido sumar a última hora, artistas aos que Emilio non coñecía e admira máis agora que compartiu escenarios e gravacións.
Conta o ourensán que non pode contar con todos porque é imposible que os 16 planeen tan a longo prazo, pero os que están traerán a esencia dun traballo que fai galega á Iolanda de Pablo Milanés, que é “fresca e un pouco nostálxica”.
Emilio quixo que fora pop, pero resultou ser a que pintou Milanés coa súa voz, pero “cun carácter noso” e o que máis lle prestou a Rúa deste conto musicado foi que todos accederon a cambiar de lingua: “Despois de tantos anos cantando en galego, que che digan que eles tamén o prefiren é un luxazo”.
No pote cabe igualmente o castelán e o brasileiro en “Voçé” con La Shica para voltar ao galego con “Se ti te vas”, que é unha adaptación do “Abrázame”, de Julio Iglesias, na que fai dúo con Rosa Cedrón. Víctor Manuel, Javier Álvarez, Rozalén, Carlos Goñi, Soledad Giménez, Javier Ojeda, Mercedes Ferrer, Luis Pastor ou Dolo Beltrán non o dubidaron e dixéronlle “si” a un reto, no que incluso cambiaron de ton e foron a un distinto ao deles, segundo conta Emilio, unha dispoñibilidade que os fai grandes arriba e abaixo do estrado.
El pensou en nomes que “me din algo dentro da música”, de formas de facer tan diferentes que a ensalada resulta.
Versións e propios
Niso, explica, teñen que ver os temas que seleccionou, nos que hai versións de pezas dos propios artistas convidados, composicións novas de Rúa e outras que o acompañan desde o principio. O cantautor leva 18 anos musicando, pero aínda que trata de normalizar todo o que contén o álbum e o que viviu, cando o pensa de verdade dáse conta do “moitísimo peso que ten poder estar entre os grandes cantando a maioría en galego”.
E co aprendido, segue. Esta noite será directo para todos na cidade.