O alcalde en funcións, Xulio Ferreiro, atópase en plena mudanza de María Pita. Despois de que os resultados electorais non foran os desexados, optou por renunciar á súa acta de concelleiro.
Como están a ser estes días de transición? Segue a pasar polo Concello?
Sigo vindo a traballar todos os días porque sempre hai asuntos de trámite, cousas que despachar, cousas que asinar... Estou un pouco pendiente organizando o traspaso de poderes e recollendo tamén porque despois de catro anos un acumula moitas cousas no seu despacho, cousas persoais, e hai que deixar sitio para a seguinte inquilina.
Goza de algo más de tempo para a vida persoal?
Bastante máis. Creo que fixen máis parque nestas últimas semanas que no resto do ano xunto.
Fala dos seus fillos e o certo é que é un dos poucos alcaldes que asumiu o cargo con eles sendo pequenos. Lles explicou nalgún momento o que facía o seu pai?
O máis pequeño non foi moi consciente do asunto porque tiña tres aniños aínda. A maior si porque tiña catro e medio e, no momento en que empezou a ver a cidade chea de carteis coa foto do seu pai, houbo que explicarlle o que estaba a pasar. Lle expliquei máis ou menos nunha linguaxe comprensible para unha nena de catro anos e medio o que estaba pasando. Cando gañei foron conscientes a propia noite electoral e pouco a pouco se foron adaptando porque prácticamente a metade das súas vidas, ou más da metade, o seu pai foi o alcalde da Coruña. Para os seus compas de clase tamén era así e un aínda me preguntou agora “Xulio, ¿ya no vas a ser alcalde más?” e tamén hai que explicarlles iso. Por iso, teñen un aprendizaxe de que cada catro anos hai eleccións, do que significan. Vivilo en primeira persoa lles serviu para aprender como funciona o sistema.
Ten renunciado a moito por ser o rexedor desta cidade?
Na vida sempre fas eleccións e gañas unhas cousas e perdes outras. Efectivamente, durante estes anos perdín tempo para a familia, para os amigos, que os abandonei algo, para o ocio... pero gañei outras cousas. Ser alcalde da miña cidade para min foi un orgullo, unha honra, gustoume e, polo tanto disfrutei do traballo cos seus sinsabores, coas súas partes malas, pero o balance para min, tamén no plano persoal coas renuncias, foi positivo. Agora, deixar de ser alcalde ten as súas partes positivas como que recuperarei cousas que tamén botei de menos nestes catro anos.
Se tivese a oportunidade de viaxar no tempo, diríalle ao seu eu de hai catro anos que se metera nesta aventura?
Si. Eu creo que fixen o que tiña que facer no momento, en 2014 e en 2015, porque era o momento de dar un paso adiante. No meu caso, de abandonar certa comodidade e facer unha aposta de compromiso. Asumin ese compromiso e volveríao facer todas as veces que fixera falla.
Se ten que facer un repaso da súa traxectoria en María Pita, hai algo do que se sinta especialmente orgulloso?
Moitas cousas. Non só das cousas grandes como de ter solucionado o asunto do Conde de Fenosa ou non só de que a xente poida ir ao estadio de Riazor tranquila, sin que pense que lle pode caer calquera día a cuberta na cabeza, que era o que pasaba. Eu me quedo coas cousas pequenas: cuestións de que algunha decisión túa ou algunha política municipal lle cambiou a vida para mellor á xente. E iso foi reiterado ao longo do mandato. Persoas que pola aplicación da Dependencia, polo servizo de Atención no Fogar, pola Renda Social municipal, pola axuda de emerxencia ou polo que fose viñan e dicían “moitas grazas porque a min me cambiou a vida”. Esas son as cousas coas que quedo, das que estou especialmente orgulloso.
Tiveron erros?
Sempre hai. Non hai ninguén infalible e eu tampouco son infalible pero creo que non houbo ningún extremadamente grave. Me refiro a que a cidade non vai a sufrir durante anos ou décadas ningún asunto que eu lles deixe pendente por un erro meu. É dicir, non hai ningún Conde de Fenosa que deixemos, non hai ningún equilibrio económico de Nostián que coste 12 millóns de euros... Eso non vai pasar, co cal eu aí me quedo tranquilo.
Que lle quedou por facer como alcalde?
Moitas cousas. Catro anos non dan para rematar as xogadas, por así dicilo, e nos quedaron moitos proxectos en carteira. Por exemplo, a área metropolitana, na que se fixo un traballo de base que se se quere se pode aproveitar. Tamén quedaron os asuntos do borde litoral pero creo que se cambiou o sentir común da cidade e se puxo a todas as institucións e a todos os partidos na mesma liña. Agora queda oficializar todo iso. Quedan proxectos de obra pública e todo o que ten que ver coa DUSI [fondos Eidus], que conlevou un traballo lento e complicado porque a execución de fondos europeos sempre o é. Os proxectos están todos encamiñados e o que queda é que se vexan na rúa. O mercado de Monte Alto, o de Durmideiras, a praza de Santa Lucía... todo iso está encamiñado e se vai ver antes ou despois grazas ao traballo que se fixo nestes catro anos. Quizais a pena foi que non se vise durante este mandato pero non foi doado chegar a executar as subvencións.
Sabendo o que sabe hoxe, se seguise na Alcaldía cambiaría a liña de traballo?
Os proxectos seguirían sendo os mesmos pero ao mellor calendarizaríamos de xeito diferente ou priorizaríamos algunhas cousas sobre outras sabendo que os tempos electorais son importantes. Ao mellor o que fixemos foi desprezar eses tempos pensando que un traballo máis de fondo, máis de base, máis invisible pero importante ía a ser suficiente e non o foi.
Nalgúns sectores din que pecaron de inexperiencia fronte á que se deu en chamar vella política...
Bendita inexperiencia en todo caso: a inexperiencia de non conchabar con grandes intereses económicos e, polo tanto, que o urbanismo se planificase dende o interese común e non duns poucos. Aí pecamos de inexperiencia. A inexperiencia de non saber aproveitar os cargos para a vida e o enriquecemento persoal, bendita inexperiencia. Todo ten os seus pros e os seus contras. É certo que ao mellor cando un chega sabendo hai certas cousas que suceden máis rápido pero aquí non houbo ninguén que non traballase duro e que non se fixese nun tempo relativamente breve coa máquina.
Como definiría cunha palabra ou unha frase a oposición que lle fixeron os tres grupos que tiñan presencia na corporación?
O PP foi implacable e xogou sucio. Faino sempre e noutros ámbitos, fíxoo co presidente do Goberno, co presidente da Xunta e, dende logo, fíxoo comigo tamén. A definición do Partido Socialista sería imprevisible porque foi imposible saber a que aterse a maior parte do mandato. En canto ao Bloque Nacionalista Galego, en xeral, intentou ser construtivo aínda que hobo veces que tampouco estivo á altura.
E agora, malia que xa teñen anunciado o seu apoio ao PSOE, se quitásemos as siglas, quen pensa que tería que gobernar? A lista máis votada ou unha con apoios?
A Coruña é unha cidade que, unha e outra vez, nos procesos electorais se expresa cunha maioría de progreso e a xente vota tendo en conta as siglas, os programas e as ideoloxías. Creo que o Goberno municipal da Coruña debe responder a esa intención maioritaria de que haxa un goberno de progreso, iso hai que sabelo ler.
Que podemos agardar dos edís da Marea que quedan no frente?
Moito traballo en beneficio da cidade para que continue na senda do progreso, da inclusividade, da sostibilidade, da innovación e, dende logo, para non volver atrás, para non volver aos pelotazos urbanísticos, para non desfacer conquistas sociais e para que non se desfagan conquistas democráticas destes catro anos.
A política é peor do que pensamos os cidadáns de a pé; é un mundo moi complicado
Ferreiro, que dentro duns meses, volverá a dar clases nas aulas da Universidade, pensa que hai Marea para moito tempo.
Un dos seus últimos pasos foi incorporarse á coordinadora da Marea. Que papel ten nela?
Non asumin unha responsabilidade concreta pero si me dan unha a asumirei e senón estarei dando a miña opinión e axudando no traballo diario.
Péchase ás portas a volver a primeira liña política, xa sexa a nivel municipal ou autonómico?
Non o sei, nestes días non estou pensando niso. O paso atrás non foi, por así dicilo, para coller impulso. O fixen porque creo que era o que me tocaba e agora o que me apetece é ter unha vida tranquila nunha segunda liña. Agora ben, tamén quero ser realista. Teño 44 anos e non podo dicir que nunca máis vou a facer nada na miña vida. Agora mesmo, o mes que vén... Non me vexo con ánimo nin con ganas pero dentro de cinco, seis, oito anos non me podo pechar. Nestes momentos pechei unha etapa pero a vida é moi longa: con esto non estou a dicir que sí pero tampouco que non.
Marcha cunha boa imaxe para a cidadanía.
Parece que si, pero non tan boa como para continuar sendo alcalde.
Seguen a paralo pola rúa?
Básicamente para dicirme “Qué pena que te vayas” o “No te vayas” o “Fuches moi bo alcalde”. E algunhas persoas, as menos, con pouco sentido da propiedade para botarme algunha bronca, que xa non é o momento. Xa non me piden cousas.
Cambia de etapa pensando que a política é mellor ou peor?
É peor do que pensaba, o digo así, é peor do que pensamos os cidadáns de a pé.
Por que?
Polas loitas internas dos partidos, as negociacións, a oposición. É un mundo moi complicado e, sobre todo, cando intentas actuar con honestidade, boa fe e confiando nas persoas.
Agora valorará máis os avances dende o Concello?
É posible que empatice máis coas persoas que se adiquen a isto porque sei o que é, sei o que é tomar decisións ou estar preocupado polas cousas. Por exemplo, hai catro anos non pensaba no San Xoán e en todas as persoas que están preocupadas e pendentes de que todo vaia ben. Pero agora estarei pensando en Carlos Touriñán, no responsable de Seguridade Cidadá ao que lle toque, que nestes anos foi Rocío Fraga... Todo iso que un da por feito como cidadán.
Haberá Marea en catro anos?
Claro que si. Estou absolutamente convencido de que todas as forzas que compoñen o noso espazo político dun xeito ou doutro van a seguir sendo importantísimas. Na Coruña creo que a Marea Atlántica vai medrar, vai ter mellores resultados electorais dentro de catro anos dos que tivo e o traballo que se vai facer nestes catro anos na corporación vai a ser moi importante.
Vostede regresa ao seu posto na Universidade.
Vou adicar uns meses a estar na casa e a botar unha man con todos os deberes que teño pendentes e despois voltarei.
A política e a Universidade teñen certa ligazón, podería postularse a reitor nun futuro?
Nestes momentos non porque precisaría ser catedrático e non o son. Parte da renuncia foi á carreira universitaria porque estaba nun momento de completar o meu currículum para optar á catedra, interrumpín ese traballo e teño que retomalo.