A semana pasada atendiamos a primeira das accións que realizará o Concello da Coruña con respecto a non permitir negocios vinculados co xogo en ningún edificio municipal. O Goberno local ordenou pechar a sala de apostas situada na Estación de Autobuses por non dispoñer de licenza, nunha carreira que non acaba máis que comezar porque a intención é a de seguir traballando co fin de que estas actividades, que poden derivar nunha enfermidade para a cidadanía, non teñan cabida nin fisicamente nin a través da publicidade.
No mes de setembro, no desenvolvemento do XX Congreso Fejar, organizado pola Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados e Agalure (Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados), o presidente do primeiro dos colectivos, Máximo Gutiérrez, falou de que era a administración a que tiña que sentar as bases porque os datos estaban aí e son preocupantes. Non só cada vez caen persoas con idades máis temperás nesta adicción, senón que o período de latencia en que pasa de ser un xogo a un mal se acelerou: pasou da media de seis a oito anos a menos de doce meses e, por esta razón, é fundamental concienciar a sociedade do que está a pasar.
Desde o concello, temos que ser as primeiras e os primeiros. Isto non quere dicir que non haxa quen poida acudir a estes locais e ter un control sobre a súa afección ás apostas, pero non podemos facilitarlle o acceso a estes sitios, precisamente, ao público que teña uns condicionantes para quen o que comeza sendo unha distracción lle cause danos irreparables.
Neste aspecto, aprobamos a medida da Xunta de ampliar a 300 metros a distancia mínima que ten que haber entre os centros educativos e os de rehabilitación coas casas de xogos. A loita do concello contra a ludopatía é clara. Desde Benestar Social, a edila Yoya Neira está en contacto permanente coa Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (Agalure), cuxo responsable alertou de que na Coruña a tendencia é a mesma que no resto do estado con 100 veciñas e veciños ás portas do colectivo en busca dunha diagnose. En 2015, a media estaba en 40.
En María Pita, decatámonos da situación e proba diso foi a moción presentada polo BNG no último pleno, que se aprobou por unanimidade, e na que se pedía que se regulase a publicidade das grandes firmas de apostas que están por todos os lados, así como que se tivese en conta tamén a marxinalidade dos barrios á hora de darlles permiso de apertura ou non. Que a conciencia chegue aos colexios con charlas e tamén que todo isto que estamos a vivir co aumento das adiccións sen substancia teña o seu reflexo nas leis cunha reforma da actual para a facer máis restritiva.
Para iso, necesitamos ir da man das asociacións que loitan día a día contra a ludopatía e que coñecen ben un problema que para os ollos da sociedade está moitas veces normalizado; de aí que as súas consecuencias sexan devastadoras.