Dun tempo a esta parte, a programación de Nadal e todo o que se organiza desde os concellos por intensificar a golpe de led esta época do ano está sendo tan protagonista que non levabamos nin un mes no Goberno e os medios xa nos preguntaban como ía ser a decoración deste ano. Pouco podíamos facer e recoñezo que nos daba un pouco de vertixe mirar o que se estaba preparando por aí abaixo, no sur. O contrato víñanos de prestado, así que tratamos de satisfacer na medida do posible as demandas dos barrios e incorporar algúns elementos atractivos para a cativada.
O venres pasado tocou inaugurar o Nadal e creo que cos recursos de que dispuxemos saíu ben. O tempo respectou toda a posta en escena pensada para María Pita e as nenas e os nenos puideron desfrutar do mago Román García e vibraron cando viron que as súas cartas voaron nun globo de helio a Laponia para pasar o momento vídeo mapping, o máis espectacular dunha xornada que rematou cando o gran Suso Martínez anunciou que un deles acendería as luces.
Só por ver o pequeno Iago no colo de seus pais chorando emocionados, creo que pagou a pena. Para min foi desas veces en que te das conta de que non se necesitan cartos para chegar á xente, que son os pequenos xestos os que nos fan felices.
É certo que nas redes se puideron ler comentarios negativos ao respecto. Está claro que nunca se vai contentar a todo o mundo pero non sei ata que punto é criticable que os diálogos da montaxe visual fosen en castelán e o narrador falase en galego.
Acepto as queixas mais non as entendo, desde o momento en que este goberno fala en galego. Entendemos que o idioma ten que ser a nosa canle principal de comunicación e, nese aspecto, adquirimos un compromiso desde o inicio do mandato por usalo e defendelo.
En canto ás persoas que piden máis iluminación para as súas zonas, intentaremos que o ano que vén haxa máis puntos de luz polos distritos máis afastados do centro porque todos teñen dereito a respirar Nadal vivan onde vivan. Cremos que a ornamentación favorece tamén o consumo, unha cuestión básica no caso do pequeno comercio. Máis aló dos millóns de luces led, convido a veciñanza a que trate de mercar os seus regalos en tendas da cidade e que aposte polo feito á man en produtos artesanais elaborados no país e envoltos en papel de xornal.