Esta semana acabamos de presentar unha campaña en Medio Ambiente que leva o título de “Come e leva”, a través da que 45 restaurantes da cidade utilizarán o túpperware para que a comida sobrante non acabe no lixo.
Pero a iniciativa vai máis alá dos negocios e quere chegar ao ámbito doméstico. O noso obxectivo é que a cidadanía aprenda a separar o orgánico do inorgánico, algo que, aínda que pareza mentira, non se fai, posto que a xente dubida ou simplemente non está concienciada. Isto provoca que en Nostián non poidan converter os residuos en compost de calidade.
O 25% das e dos coruñeses non realizan un tratamento adecuado do lixo; só unha cuarta parte da poboación está concienciada. O 75% mestura plásticos con restos de comida o introduce no inorgánico envases que conteñen orgánico.
Cómpre sensibilizármonos co tema porque o planeta pide reciclaxe e reutilización do que xeramos; esixe que non o sigamos ateigando de novos materiais tanto polo noso ben como polo de xeracións futuras.
Non esquezamos que o cambio climático está impedindo a vida noutros países. As persoas que veñen en caiuco fano porque senón morren de sede nos seus lugares de procedencia. Por iso, temos que ser serias e serios.
Así que, trataremos de informar primeiro, e logo de formar, porque aínda na actualidade moita xente cre que, se deixa aparcados os útiles que xa non quere na casa, o camión do lixo vén recollelos mais non se pode facer se non se recibe antes unha notificación do 010.
Aquí é onde se xeran novos problemas. Por descoñecemento ou por desidia, o certo é que a veciñanza non actúa correctamente.
A nosa estratexia desde xa será tratar de cambiar os malos hábitos intentando recorrer á sanción como última opción ou á recompensa con novidades como premiar as persoas usuarias de composteiros. Isto todo ten que vir da man, co fin de abrir unha nova etapa en Nostián.
Queremos que cando chegue o momento, si poidamos obter un compost de calidade e sexamos exemplo para outras localidades.
Antes, estamos traballando para que os pregos da concesión cheguen a tempo, para que todo o proceso se produza o antes posible e para que as e os traballadores que levan comprometidos coa planta desde os inicios sigan.
Estamos co cadro de persoal. Entendemos a folga e apoiamos os seus dereitos como traballadores e traballadoras. Trataremos de parala, iso si, buscando unha solución desde as nosas competencias.
O que non entendemos é a postura da empresa Urbaser de decidir botar fóra o Consorcio das Mariñas e de facelo sen consenso, de forma unilateral.
Queremos, por tanto, que a primeiros de ano Nostián estea a pleno rendemento coas empregadas e empregados traballando para A Coruña e o resto da comarca.
A nosa premisa é a de situar os intereses das e dos veciñas por enriba do resto. Podemos errar, pero imos partir sempre desa finalidade. Elas e eles son a nosa preferencia.