Nove meses en funcións son demasiados. O bloqueo gobernamental que padeceu España nos últimos tempos non beneficiou a ninguén que pague a pena. Só foi rédito para a ultra-dereita e os seus avalistas, os mesmos que queren permitir que mensaxes de intolerancia volvan entrar nas aulas, xusto cando os tempos esixen o contrario.
De novo, atopámonos nun antagonismo entre progreso e reaccionarismo social que debería estar xa superado, como ben sabe algún alto cargo do PP que vén de abandonar a política indignado polas cesións ao extremismo. Porén, as maiorías sociais deste país, testadas nas urnas por partida dupla, apostaron por un goberno progresista, de esquerdas, feminista e liderado polos e polas socialistas, con Pedro Sánchez á cabeza. Unha magnífica nova. Para España e tamén para A Coruña. Renovamos a ilusión, como levamos facendo desde maio na cidade, pero, así mesmo, sabendo que de nada valerá se non se acompaña de traballo. Niso estamos. Estase vendo. E máis que se notará.
A Coruña pode estar segura de que a súa alcaldesa non se moverá en términos partidistas. Ao contrario, o primeiro sempre será o ben común, os intereses da cidade. Non dubidarei en reclamar o que nos convén, o que necesitamos do goberno central, como xa fixen, chamando a ministerios mesmo antes de que os seus ocupantes dispuxeran do novo correo electrónico corporativo.
Aquí sempre fomos de ir por diante. Pero ese nervio non significa desconfianza, senón todo o contrario. Estou segura de que o goberno de progreso que acaba de tomar posesión non só significará un avance inmenso na recuperación dos dereitos sociais mermados na anterior década senón que atenderá os importantes asuntos que respecto á Coruña temos sobre a mesa. De feito, algúns deles xa locen negro sobre branco nos acordos asinados con outras forzas políticas, na mesma liña dos que levamos rubricados estes meses en María Pita e que permitiron un amplo e positivo acordo orzamentario para 2020 que cimenta a tan necesaria reactivación da cidade.Intermodal, fachada marítima, ría do Burgo, Alfonso Molina, mobilidade ferroviaria, Alvedro, Pedralonga, Centro de Interpretación da Torre, Cuarta Ronda, A Pasaxe ou a Cidade das TIC están na axenda, entre outras moitas cuestións.
Seremos firmes na súa reivindicación. Pero estamos seguros de que A Coruña conta agora con aliados e liña directa coa Moncloa. Oxalá San Caetano tamén se sume. Gañaremos todas e todos.